Gondomar adquire dous novos desfibriladores semi automáticos
Os dispositivos foron ao Clube Deportivo Vincios e á Policía Local
O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, fixo onte entrega de dous DESA (Desfibriladores Semi Automáticos) que foron adquiridos polo Concello. O primeiro deles foi cedido, a través da sinatura dun convenio, ao Clube Deportivo Vincios, para que así poidan cumprir a esixencia legal de ter este dispositivo operativo durante a celebración dos seus partidos e adestramentos no campo de A Pasaxe. O concello farase cargo das revisións periódicas e da reposición do material complementario se fose preciso.
O segundo destes dispositivo de emerxencias foi entregado á Policía Local de Gondomar, para que sexa incorporado ao equipamento dos vehículos patrulla, e polo tanto poidan en caso necesario realizar unha actuación máis inmediata, mellorando así o tempo de resposta, fundamental nos casos de accidentes cardíacos.
Con estes dous, son xa oito os equipos DESA cos que conta o Concello de Gondomar, e que están situados en diferentes instalacións municipais: Campo de As Gaiandas, Campo de As Cercas, Centro de Desenvolvemento Local, Auditorio Lois Tobío, Pavillón Bernabé Costas de Miranda e Pavillón de Donas.
Como complemento, o Concello de Gondomar impartíu nas últimas semanas tres cursos nos que axentes da Policía Local, persoal municipal e representantes de clubs deportivos e todos aqueles que teñen acceso a estes equipos, recibiron formación especializada para o correcto uso destes dispositivos, así como formación básica sobre primeiros auxilios.
O alcalde de Gondomar destacou que “no caso de paradas cardiorrespiratorias o tempo de reacción é fundamental e polo tanto dende o Concello entendemos que ter a disposición estes equipos e facilitar a formación necesaria para o seu correcto uso é unha inversión que pode salvar vidas”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Condado/Paradanta
El arte urbano cambia la estética del IES de Salvaterra
Elecciones en Extremadura
Cerca de 900.000 extremeños están llamados a las urnas