Glamour nun furancho de cine
Na ponte de Rande, no medio dunha viaxe entre Vigo e Marín, selou o proxecto conxunto da escritora Elena Gallego Abad e a actriz Mayka Braña para convertir o despacho familiar de viño no plató dunha curta de humor
“Furancho. Bota viño!” é a comedia imaxinada pola escritora Elena Gallego Abad e a actriz Mayka Braña, un proxecto que levarán a termo ao xeito de curtametraxe e que se rodará no furancho Lois, en Marín. “Que teñamos noticia é a primeira ficción cinematográfica que se vai rodar nun auténtico furancho das Rías Baixas. A elección deste emprazamento non é casual, o local é da miña familia, o que nos permite utilizalo como plató durante varias semanas”, afirma Gallego Abad, que escribíu o guión, pensando en cada espazo. “Cada secuencia, cada tiro de cámara, está pensado para este plató furancheiro coas súas peculiaridades na cociña, na adega, na sala ou na terraza”.
Como unha treboada creativa, a idea xurdiu na ponte de Rande, nunha viaxe entre Vigo e Marín. “Maika ía presentar o libro meu e íamos falando da formación que estou a seguir en audiovisual e na elaboración de guións, xa que a miña idea é que as miñas historias den o salto a pantalla e resultará máis doado se coñezo o medio, neste curso teño que facer unha curta e así comezou todo”. Para a escritora, este proxecto conxunto supón un desafío para ámbalas dúas. “Eu estoume a encargar da produción e do guión que vai ser cómico, todo un reto para min, e Maika, sen quen non se entende a historia das series da TVG, asumirá a súa primeira dirección, amais está facendo o cásting entre amigos que poidan participar”. Xa está confirmada a participación de Casilda Alfaro, Alejandra Arcos, Teté Delgado, Anxo Carbajal, Nano Rivas, Alfonso Agra, Pepo Suevos, Carlos Blanco e Paco Pernas.
En total, mobilizaranse a máis de 20 profesionais durante tres días de rodaxe. Aínda que non cobren caché, hai que pagar desprazamentos, aloxamentos, comida, tres días de seguro ou a distribución por festivais co que o orzamento supera os 40.000 euros. “Procuramos distintas vías de financiamento, dende patrocinadores privados, apoios do Concello de Marín, cartos nosos e da familia, pero tamén a través do crowdfounding”. Así, abriron o proxecto aos microcréditos a través da plataforma Verkamin. Réstalles 27 días para reunir 5.000 euros a partir de achegas dende os 20 aos 1.000 euros a cambio de recompensas. “Imos por fases, se alguén quere participar máis adiante tamén terá oportunidade de botar unha man”, apunta a escritora. A rodaxe terá lugar en maio, tras cadrar as axendas de tódolos implicados e coa propia necesidade do furancho que abre os venres e os sábados. Prevese que a postprodución sexa na primeira quincena de outubro e a estrea durante Culturgal 2025.
As dúas incitadoras están ilusionadas entre a creación, a coordinación, a xestión de permisos, a busca do orzamento e promoción do proxecto. “Trátase dun gran reto, pero sabemos que este esforzo vai pagar a pena, porque é un proxecto audiovisual que xurde da ilusión e a amizade”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último