A gastronomía galega, a base de grelos, pero tamén de algas

vigo

O libro da xornalista viguesa Carina Regueiro, editado por Galaxia, é unha das novidades que traerá o mes de xaneiro

ana baena. vigo abaena@atlantico.net

Publicado: 26 dic 2017 - 01:21 Actualizado: 27 dic 2017 - 02:25

Carina Regueiro, cos productos tradicionais dos que escribe.
Carina Regueiro, cos productos tradicionais dos que escribe.

nnn Fabas, grelos, pementos ou patacas conforman o básico da gastronomía tradicional galega, pero agora tamén os kiwis, as algas, as peneiras ou as últimas explotacións de productos mariños. Toda esta variedade a recolle en "Estrelas da despensa galega", Carina Regueiro: "É un libro xornalístico, da historia da nosa gastronomía, centrándome nalgúns dos productos máis representativos; invito ao lector a unha viaxe dende a paisaxe ata a mesa, desbotando os tópicos que encasillan a nosa cociña de estancada; defendo o tradicional, pero cheo de cor". Así fala a autora da súa obra, que presentará nas vindeiras semanas en Vigo, una cidade da que se sinte parte. O seu pai, Joaquín Regueiro, foi o último xefe da vella estación de tren, polo que Carina maila súa familia foron os seus derradeiros residentes antes de ser derruída.

Nesta proposta de literatura culinaria hai recetas, pero tamén hai moita documentación e investigación, entrevistas con productores, cociñeiros ou elaboradores e tamén moita historia. Concretamente, na sección do bacallau, Regueiro recupera unha lenda dun mercader veneciano, descubridor do estilo seco de Noruega: "Atopei un escrito que non se ten publicado en Galicia dende o século XIX, onde fala dun mercader veneciano que no século XV naufragou en costas noruegas, despois de pasar por Muros, de aí a grande afección que teñen en Italia polo bacallau seco, que a diferencia de Galicia, consérvano sen salar, como os nórdicos".

Para Carina Regueiro, a cociña galega está de actualidade por varios factores: "Temos moi bo producto, dunha alta calidade, pero tamén moi variado, e cada vez hai máis profesionais recoñecidos a nivel internacional". Asemade, a autora destaca á innovación do mundo gastronómico, que está en constante movemento con propostas sorprendentes como os chourizos de polbo ou de cabaza, por outra banda, non esquece o esforzo feito dende a horta ecolóxica e no campo da recuperación de especies animais e vexetais autotóctonas que ata hai pouco, estaban en vías de desaparacer. Por todo, a cociña galega está de moda.n

Contenido patrocinado

stats