"O galego une, falta que as institucións garantan que poidamos vivir en galego"

Carlos Callón, escritor e presidente de honra da Mesa pola Normalización

Publicado: 12 jul 2022 - 23:20 Actualizado: 13 jul 2022 - 10:13

Carlos Callón, no set de Atlántico TV.
Carlos Callón, no set de Atlántico TV.

Carlos Callón (Ribeira, 1978), profesor de Historia, escritor e presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística, visitou o set de Atlántico TV para falar da súa última publicación, “O libro negro da lingua galega” (Xerais, 2022).

Xa o título o di todo.

Na Idade Media os libros negros eran documentos que recollían os feitos relevantes, despois centráronse nos negativos; este é un memorial da persecución directa a noso idioma ao longo dos séculos e explica onde estamos.

Cando cae en desgraza o galego?

Aínda que se deron situacións políticas anteriores, o libro comeza cos Reis Católicos e as medidas que toman tras derrotar aos nobres galegos. Céntrome só nas cuestións de dimensión lingüística como a lei de 1480 polo que para ser escribán había que examinarse en Valladolid e cun formulario en castelán, cando ata entón fora en galego. En 1511 hai un xuízo moi interesante en Vigo, onde dúas familias, a de Mos e a de Soutomaior loitan por uns terreos, como proba presentan un testamento de Dona Maior de Soutomaior redactado en castelán, pero non o admiten, os falsificadores naceran despois da prohibición do uso do galego e non sabían que antes todos eran nesta lingua. O xuíz non o considera de verdade porque o notario, Afonso do Porto, era de Vigo e daquela só falaba e escribía en galego.

A persecución do galego ten pois moitos episodios.

Moitos, van mudando, pero é un continuo. Aínda que non podemos rebaixar a gravidade do franquismo, a prohibición vén de moito antes. Hai un documento de 1543 que recolle como pegar aos nenos que falen galego na escola, é moito máis antigo que o correspondente en castelán.

O resto das linguas periféricas correu coa mesma sorte?

Máis tarde. No caso do catalán pasa por momentos maos, pero a persecución comeza no XVIII cos Borbóns, pouco despois acontece tamén co vasco. Pero como di a canción de Sés, con todo seguimos aquí. Séguese a amar o galego, aínda a xente que non o fala, todo o mundo deixou a súa extra votando ás Tanxugueiras. O galego une, falta que as institucións cumpran a súa parte e garantan que as persoas que queiramos, poidamos vivir falando en galego.

Como ve o uso do galego na mocidade? Con preocupación, estanse a perder falantes, rómpese a transmisión do idioma. Mais tamén vexo ese amor pola lingua, falta que o poidan usar. Non hai pelis de Marvel o libros do estilo After, algo que non pasa co catalán. Hai máis demanda que oferta, somos herdeiros dunha falta de dereitos que aínda non se corrixiu.

Que opina de Galicia Bilingüe?

É un grupo de cavernícolas moi reducido na sociedade, a maioría non está en sintonía con eles, pero fan moito ruído. Non só pasa co tema da lingua, senón tamén nos dereitos sociais, son unha minoría con megafonía mediática para presentar o mundo ao revés. Hai que loitar pola liberdade, a diversidade e a verdade.

Dende hai tempo imparte clase en Lisboa, como senten os portugueses aos galegos?

Hai un segmento que é coñecedor da súa relación co galego, nos momentos claves da historia de Portugal, sempre houbo un galego como o primeiro coche que circulou en Lisboa, era dun galego. O galego aparece nos libros de texto. Temos a fortaleza de pertencer a un sistema lingüístico moi amplo que non estamos a aproveitar.

Contenido patrocinado

stats