“Galaxia non é unha mercantil ao uso, é unha empresa entregada ao galeguismo”
vigo
nnn Nado en Pontevedra, en 1948, Antón Vidal é avogado e licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago. Pertenceu ao equipo fundador da Universidade de Vigo da que foi xerente, vicerreitor de asuntos económicos e asesor xurídico, posto este último do que se xubilou recentemente. Galaxia ven de anunciar o seu nomeamento como presidente do grupo, consecuencia dunha traxectoria galeguista que lle levou a participar en Coalición Galega, na revista "Encrucillada" e na fundación de "Badal", unha publicación orientada cara á galeguización da liturxia, o mesmo que a editorial Sept, na que tamén colaborou. Xa feito público, así valorou para este medio as súas novas responsabilidades.
Como recibe este nomeamento?
Para min e para os que levamos moito tempo involucrados con Galaxia, calquera cargo ou distinción feito dende a editorial supón unha honra. Tentarei emular aos meus predecesores na presidencia, dos que cheguei a coñecer a tres.
É un home da casa que dende hai anos demostrou o seu compromiso con Galaxia. En que cambiarán agora as súas atribucións?
Galaxia é un grupo en si mesmo, do que agora dependen dúas novas empresas, Mar Maior y Gatipedro. Tócame presidir o consello e apoiar coma sempre o labor da firma. Galaxia non é unha mercantil ao uso; é algo máis, é unha empresa entregada ao galeguismo.
Precisamente o ano pasado daba o salto a publicar en castelán.
Pero sempre mantendo o vencello con Galicia. A través de Mar Maior publicarase en castelán a obra escrita neste idioma por autores galegos ou a traducción das obras dos escritores da casa. Damos así o salto a América, incluso a Brasil, porque queremos ser a editorial dos galegos no mundo, un nexo de unión, xa non só cos emigrantes, senon coas segundas e terceiras xeracións nacidas na diáspora. Hai un mercado moi grande para o libro galego.
Meterse nunha nova aposta empresarial nestes tempos non é arrisgar demais?
O mundo ten mudado tanto, que hoxe é difícil saber por onde van ir os mercados, que vai pasar. Penso que é o momento de dar o paso ao frente. As empresas que aposten por se expandir, serán as que se consoliden no futuro. Ninguén pode saber como será despois da crise.
Din que a literatura galega vive unha idade de ouro. Que opinan dende o mundo editorial?
É a colleita da mocidade que chegou á madurez instruida en galego. Nos meus tempos non tiñamos material de estudo. O único vocabulario que manexabamos era o das Irmandades da Fala. No 65 comezou Galaxia a normalizar o galego con grandes dificultades. Daquela naceron os que agora son os escritores de éxito dentro e fora de Galicia.
E hai lectores para esa producción?
É innegable que xa no mercado español se rexistrou unha baixada do 40% no mercado editorial. Descendeu non só pola crise. Nos últimos tempos detectouse o dominio da muller nos consumidores de libros.Hai que xerar a necesidade de novos lectores. É unha das nosas grandes preocupacións, de aí a nosa aposta por Gatipedro, adicada en exclusiva á literatura infantil, explorando novos campos como o da música.
E os novos soportes, poden ser causa desta crise editorial?
Esta demostrada a importancia da crise na reducción do diñeiro para adquisición de libros, pero non os novos soportes. Un estudio en EEUU demostrou que os Ebook son só o 2% do mercado. O amante do libro precisa tocalo. Pero eso abre outro debate.n
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Condado/Paradanta
El arte urbano cambia la estética del IES de Salvaterra
Elecciones en Extremadura
Cerca de 900.000 extremeños están llamados a las urnas