"Se a Fundación Carlos Casares estivera espallada por Galicia, sería un éxito"
Håkan Olof Casares Berg, fillo de Carlos Casares
Cúmprense vinte anos do falecemento de Carlos Casares (Ourense, 1941- Vigo, 2002), un dos intelectuais ourensáns máis recoñecidos dentro e fóra das nosas fronteiras. Håkan Olof Casares é o fillo do autor de “Vento ferido” e preside a fundación que leva o nome de seu pai, inmersa en ciclos de actividades e propostas para reivindicar que Casares é máis actual ca nunca.
Qué novidades hai para este aniversario?
Queremos que, naquelas vilas onde hai un compromiso especial con Casares, se conmemore a súa figura. Na fundación temos a vocación de preservar o seu legado, tamén con actividades que cremos que a el lle podían gustar, como as relacionadas co cine.
O seu legado está perfectamente catalogado e dixitalizado?
O legado fórmano varias cousas. Por un lado está a obra publicada, cuxo legado está moi ben. No caso do legado documental (manuscritos, correspondencia…), unha gran cantidade está dixitalizado e a disposición do público, pero non todo porque non é propiedade nosa. Meu pai ten cartas que lle escribiron distintos autores, custodiadas en papel e en moitos casos dispoñibles para investigadores. E tamén hai unha parte do legado que segue aparecendo.
Que achados hai?
Seguen aparecendo cousas en mans doutras persoas. Cartas, escritos regalados… Hai outra pata máis, que é puramente inmaterial e ten que ver coas súas relacións persoais e a súa forma de ver o mundo. Iso, na medida do posible, tentamos potencialo. A última pata é material, que ten que ver coa súa biblioteca persoal.
Que pasa coa biblioteca?
Meu pai chegou a acumular case 20.000 libros. Están todos catalogados e aínda non teñen lugar definitivo. Gustaríame moito que algún día acabasen en Ourense, sería algo que lle gustaría moitísimo a meu pai. Sería a forma de preservar ese legado para sempre.
Que hai neses 20.000 fondos?
É unha biblioteca moi ecléctica, dun home cunha curiosidade magnífica. Atopas o canon literario galego, rarezas doutras culturas, edicións de certo valor… pero tamén gran cantidade de libros que non terían moito que ver, aparentemente, coa biblioteca dun escritor. É unha biblioteca dunha persoa que tivo unha curiosidade natural por todo o relacionado co saber humano.
Seguen aparecendo cartas, documentos… hai proxectos plantexados para isto?
Tentamos animar a que se faga máis investigación. Quizais dentro duns anos sería interesante facer outro congreso sobre Casares.
Aínda non teñen sede da fundación. A súa ubicación iría ligada, entón, a ese desexo de que a biblioteca esté en Ourense?
A min o que me gustaría é que meu pai tivera presencia maior en Galicia. Nesta provincia quéreselle moito. En Xinzo fíxose unha disposición permanente con vocación de ser museo e tamén me gustaría que permanecera. Nigrán, a súa casa, gustaríame que permanecera. E a biblioteca en Ourense. Esta idea dunha fundación que ten un edificio no centro da cidade non ten porque ser así. Se a fundación estivera espallada por Galicia e concentrada nos lugares onde mais se lle quereu, sería un éxito.
Coa biblioteca fixeron xestións? Que avances hai?
Creo que hai un interese claro.
Da administración?
Creo que si.
Entón será realidade?
É moi posible.
Cre que Ourense é xusta con Casares? Lémbranse del?
Si. Morreu hai 20 anos, foi un día moi duro pero agora só podo ver isto con alegría. Sempre que vou a aldeas, achégaseme a xente e dinme: “Vostede é o fillo de Casares, como nos gustaba”. Hai xente moi nova que se namora da súa literatura. Eu non herdei cousas materiais do meu pai, herdei o cariño de todas as persoas que seguen crendo que hai que lembrar a Casares, e moitas viven en Ourense. Porque aquí é onde tivo moitos amigos.
Di que os amigos son a parte máis valiosa que queda de Casares.
Para min é o legado principal, porque sen iso de nada vale unha fundación nin nada.
Buciños rematou unha escultura na súa honra. Que será deste proxecto?
Si, teño a noticia de que se vai facer, pero non cando nin onde. Era un home a quen meu pai quería moito e admiraba como artista.
Como influiu seu pai na súa traxectoria?
O que me influiu non é tanto no gusto pola cultura, senon na curiosidade. Era unha gran cultura xa só convivir con él. Tódolos días había unha ensinanza nova. Tamén me influiu bastante a súa defensa radical da tolerania e o entendemento como forma de convivencia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar