Francisco Castro: “O sexo sempre é un tabú, pero con 80 anos é inconcibible, a sociedade non o admite a esa idade”

“Aposto por defender unha vida sen artificios, segue un pouco a liña que iniciei cando abandonei a editorial”, di o escritor e músico, que presenta "Eva tomando o sol"

Francisco Castro presenta libro e concerto.
Francisco Castro presenta libro e concerto.

O vigués Francisco Castro (Teis, 1966) volta estar de actualidade nas súas dúas facetas artísticas. Na musical afronta un verano cheo de compromisos, entre eles un concerto este xoves na Fundación Sales e unha actuación nas Festas do Apóstolo de Santiago, mentres que no literario, chega cunha novela curta, “Eva tomando o sol”. Sobre ámbalas dúas facetas falou para Atlántico.

Como consegue aglutinar unha chea de temas en apenas 150 páxinas?

É unha novela breve, pero con moito contido. Dá para tratar temas de filosofía, edadismo e teorías sobre como vivir.

De feito está chea de simbolismos como o gato Yoko Ono.

Cando aparece Yoko, aparece o valor que ten a vida, é o máis importante. Na novela inclúo os pensamentos do gato, do can e das ovellas. Todos están nesta vida e forman parte da gana de vivir que se transmite na novela, que no caso dos humanos materialízase a través do amor.

O protagonista é un escritor de 80 anos, que xa considera estar no final da súa vida. Afástase do estereotipo de galán.

Levaba 20 anos querendo escribir unha novela que falase do sentir na vellez. O sexo sempre é un tabú, pero con 80 anos é inconcibible, a sociedade non o admite a esa idade. Tardei dúas décadas en coller forzas para abordar o tema.

Fala do poder do amor, pero tamén do dano dun amor tóxico.

Hai moitos xeitos de amar e eu deféndoos todas agás cando é tóxico. O amor non pode facer sufrir. Esa parvada de que “quien bien te quiere te hará llorar” é todo o contrario a amar.

A historia está ambientada nunha aldea perdida. É unha reivindicación do rural galego?

Por suposto. A miña parella e máis eu vimos de mercar unha casa no rural, marchamos de Vigo. Segue un pouco a liña que iniciei cando abandonei a editorial (dimitiu como director de Galaxia logo de sete anos). Aposto por defender unha vida sen artificios, de volta á natureza. O meu protagonista quixo que ao final da súa vida manterse lonxe de interferencias. Para el, escribir e vivir non ten diferencias, o mesmo que para min que me centrei no ámbito artístico, en escribir e compoñer e pretendo que me dea para vivir.

Falando da música, este xoves toca na Fundación Sales.

É un lugar fermosísimo e un dos grandes descoñecidos da cidade, un remanso de paz, aí está a forza da vida. Vou ofrecer un concerto íntimo, só eu coa guitarra, interpretarei algunha canción nova. Coma sempre estarei moi achegado á xente, moi cómplice.

Segue a aposta forte pola música?

Cando me lancei a gravar un disco non o fixe como unha autohomenaxe. Entendo a música como unha profesión. Teño unha banda con formación de oito ou de tres, e temos bolos como a festa do Apóstolo. Estar no cartel é a maior alegría que recibín ata agora na miña carreira.

Contenido patrocinado

stats