Xosé Manuel Soutullo: "Florencio Delgado ensínanos o valor da fidelidade do compromiso co país"
XOSÉ MANUEL SOUTULLO. Director da Fundación Penzol
Xose Manuel Soutullo é o director da Fundación Penzol, custodia viguesa da cultura galega. Co gallo do Día das Letras Galegas visitou o set de Atlántico TV para falar da figura de Florentino Delgado Gurriarán, autor a quen a Real Academia Galega adícalle este ano a festividade.
Que tipo de documentación atesoura a Fundación sobre Delgado Gurriarán?
O conxunto repártese en dúas áreas: a bibliográfica e a documental. Temos dende primeiras edicións ata publicacións en xornais e revistas que realizou cun esforzo sobranceiro dende o exilio mexicano, pero tamén documentación máis persoal, como fotografías a correspondencia que provén de distintos fondos como o de Castelao, Vicente Viqueira ou Otero Pedrayo. Foi o que nos animou a montar unha exposición con Malores Villanueva e Malós Cabrera como curadoras.
Mais non é a primeira vez que montan unha mostra polas Letras Galegas.
Iniciamos a experiencia o ano pasado cunha pequena escolma sobre Xela Arias na entrada da Casa Galega da Cultura (sede da Penzol). Tiñamos fondos documentais propios e resultou unha boa iniciativa. Amais do que amosamos nas vitrinas temos documentación e bibliografía non exposta que tódolos que teñan interese poden atopar na publicación do boletín da Fundación, que adicamos este número a estes fondos e que tamén se poden consultar vía internet.
Cal é o contido da mostra da Penzol?
Ten catro vitrinas, unha por cada bloque. Comeza coas primeiras edicións e antoloxías publicadas este ano polas editoriais como a obra poética completa. O segundo espazo céntrase na súa traxectoria política e persoal, marcada por unha experiencia complicada no 36, xa que era militante do Partido Galeguista dende o 33 en que coñeceu a Castelao; pola súa militancia tivo que fuxir para salvar a súa vida, primeiro cara a Portugal, pasando por Francia para pasar en Cataluña os derradeiros tempos da República. Finalmente exiliouse a México vía Francia. O terceiro bloque abrangue a actividade como promotor de iniciativas culturais no exilio como director de revistas como “Vieiros” ou “Saúdade” e onde formou parte do colectivo que impulsou a loita galega. Durante todo este tempo no exilio non perdeu o seu compromiso coa lingua e co país nun caso moi claro de fidelidade. O cuarto bloque adícase ao exilio mexicano, e unha das razóns que sostivo a elección da RAG é unha homenaxe a esta comunidade non tan coñecida como o exilio arxentino, aínda que máis reducido contaba con personalidades como Carlos Velo ou os irmáns Bilbatúa, de Vigo.
Cal foi a importancia desta diáspora galega na cultura do país?
Foi moita. Nos primeiro anos trala derrota da República houbo un peche total ante calquera publicación en galego, a única produción da obra literaria foi no exilio, non só en Buenos Aires, senon tamén en México. Supuxo a última trincheira ata que se recuperou aquí, pois Galaxia non se fundou ata 1950.
Se Xela Arias foi unha escritora desta xeración, Delgado Gurriarán é máis descoñecido para o público xeral. Que ofrece este autor?
Unha das cousas que ensina Florencia Degaldo é o valor da fidelidade e do compromiso polo país. Durante todo o tempo mantivo o contacto cos galeguistas do interior, carteábase con Otero Pedrayo ou con Francisco Fernández del Riego interesándose sobre o país. Por outro lado a súa obra é produto do seu tempo, no seu primeiro libro, “Bebedeira”, está moi vencellado a terra, a súa terra de Valdeorras onde canta ao viño e ás moza, usando o léxico da zona, o galego oriental; logo está a obra de circunstancias políticas e dramáticas que vive pola súa militancia e polo combate. Son dous aspectos que valen para todas as xeracións: a defensa da dignidade e dos dereitos dos galegos, tamén en defensa da lingua galega con poemas críticos coa Igresa por lle dar as costas á lingua.
A súa distinción supón tamén unha posta en valor de bisbarra de Valdeorras.
Estaba moi ligado á terra, pero ese vínculo tamén o experimentou en México, escribíu sobre as terras de alí que el coñecía, con seu léxico propio, sempre estaba atento e amosaba moita sensibilidade pola patria de acollida.
De entre a documentación que garda a Penzol, cal é a peza destacada?
A min impactoume unha carta de Rodolfo Prada, un destacado dirixente galeguista moi importante que dende Buenos Aires coordinaba a saída dos represaliados. Florencio Delgado, xa refuxiado en Francia, participaba nestas redes de saídas para América dos represaliados, e nesta misiva indicaba unha lista cos compañeiros e e o seu estado para que os poidese localiar e salvalos. Todo no medio dunha situación en Europa moi delicada cos nazis.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último