Fillas de Cassandra retroalimentou a forza enerxética do panóptico
María SOA e Sara Faro invocaron a pausa nunha pregaria conxunta, rogando “hibernar”
Fillas de Cassandra escolleu un lugar máxico para presentar o seu novo EP, “Hibernarse”. Ante un reducido grupo de privilexiados, María SOA e Sara Faro, acompañadas por dous instrumentistas, deron o primeiro dos dous concertos exclusivos previstos esta fin de semana. O de onte foi no panóptico do Museo de Arte Contemporánea de Vigo e o de hoxe será na Fundación Luis Seoane da Coruña.
A maxia e a forza enérxetica do pequeno espazo circular, dende onde todo se ve, retroalimentou a potencia das viguesas que interpretaron nas distancias curtas os catro temas do EP, “feito a man”, “arderse”, “quebrantarse” e “hibernarse”. A acústica especial do lugar fixo que as súas voces redobrasen a forza e que a súa mensaxe tamén chegase alta e clara. Convertiron o eixo central do Marco nun obradoiro de costura, onde fronte a dúas máquinas recibiron ao público cosendo e falando. Vestiron e desvestiron deseños de Elisa Millán que lucían por tódalas paredes. Ao EP, o videofilme, ao fanzine e á colección de xoias sumouse onte a colección de bolsos da súa colección “Hibernarse”. Todo conforma o universo tecido por Fillas de Cassandra neste novo traballo.
Foi pouco máis de media hora, na que María e Sara reivindicaron o artesanal fronte ás marcas, reclamaron a memoria histórica, deron un berro pola paz, contra a guerra e fixeron disfrutar aos presentes. “Moitas grazas por vir, non queríamos que o noso traballo quedase nas plataformas dixitais, aquí están as dúas vertentes do noso traballo, o primeiro cara nós, para reencontrarnos e outra, para reclamar unha pausa despois de dous anos cantando, para poder crear hai que parar e que mellor sitio é un museo”, expricou María.
Contenido patrocinado
También te puede interesar