"O fenómeno das mareas é o correlato das mobilizacións obreiras antifranquistas"
Roi Cagiao, cineasta, director de '10 de marzo'
O cineasta vigués Roi Cagiao presentou este mes o tráiler do seu último traballo “10 de marzo”. Recolle os conflitos e as protestas sociais acontecidos en Ferrol no ano 1972 cando se cumpre o 50 aniversario dos feitos. A cinta está producida por Emilio Fernández, con guión de Iñaki Varela; fotografía de Damián Varela e música de Iván Salgado. Sobre este novo documental falou para Atlántico.
Coa primeira entrega, “Vigo 1972”, foron finalistas dos Mestre Mateo. Considérase esta unha segunda parte?
No proxecto inicial íanse aglutinar os feitos de Ferrol e Vigo, que en certo modo están relacionados, pero había tanto de que falar e tan complexo que nos desbordou. Decidimos comezar por Vigo e máis adiante xa veríamos. Foi tan boa a acollida en cines que nos animamos a completar o díptico das mobilizacións galegas do 72 contra o franquismo.
Estas protestas favoreceron a caída do réxime?
Son protestas de primeiro nivel e contribuíron ao desgaste do réxime, foron limándoo ata que os altos cargos entenderon que había que dar unha saída. Supuxo un elemento importante na consecución dos dereitos sociais e democráticos.
Que poso deixaron na sociedade?
En Ferrol mantense máis viva a memoria destes acontecementos que en Vigo. Foron uns 4.000 traballadores en folga, que se manifestaron e un destacamento insuficiente de Policía que ao non poder frear a mobilización, empezaron a disparar con 90 feridos e dous mortos. Responde a unha organización obreira ferrolá moi potente. En Vigo, participaron uns 20.000 obradoiros e en parte mantívose no subconsciente colectivo.
Esta forza obreira é compatible á imaxe rural e atrasada de Galicia?
Puxeron a Galicia en primeira liña da loita antifranquista. A que se mobilizou foi a dos obreiros industriais e os estudantes, fóra disto e quitando o acontecido en Castrelo do Miño co encoro de Fenosa, a resposta foi menor, como pasou en España. Pero é certo que contradice en parte ao estereotipo que se tiña de Galicia.
Con que movemento actual equipara as mobilizacións do 72?
Se imos a crise do 2008, todo o fenómeno das mareas, a branca, a verde ou 15M pode ser o correlato das oposición do franquismo, aínda que con distintas estructuras e outros protagonistas; sinalaría as plataformas antidesafiuzamentos, e tal vez mobilizou moito menos aos sindicatos obreiros.
Cando chegará “10 de marzo” á gran pantalla?
Estamos no proceso de postproducción e quedan tres xornadas de rodaxe. Temos o compromiso cos patrocinadores de estrear en outubro. Despois do éxito de “Vigo 1972” somos optimistas co interese que despertará en sala.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último