A familia do HematoFesti regresa sen perder o sorriso

O festival de literatura infantil e de humor ofrecerá un pequeno pestico este fin de semana da terceira edición que terá lugar en abril

A poeta e música Lucía Aldao, a dramaturga Paula Carballeira, a escritora Ledicia Costas e o músico Eris Mackenzie, na presentación da terceira edición do HematoFesti en Madrid.
A poeta e música Lucía Aldao, a dramaturga Paula Carballeira, a escritora Ledicia Costas e o músico Eris Mackenzie, na presentación da terceira edición do HematoFesti en Madrid.

“A filosofía deste festival é render unha homenaxe a quen era a miña parella, Hemato, mantendo vivo o seu legado. Miguel era un festival, e con HematoFesti inmortalizámolo”. Así, a escritora viguesa Ledicia Costas lembrou como xurdiu un evento que naceu dous anos despois do inesperado falecemento de Miguel Ángel López González, mestre, humorista, escritor e un comunicador en redes que se daba a coñecer como Hematocrítico. Materializa unha idea a que lle estaban dando forma o propio Miguel, Ledicia Costas e o cineasta Alberto Vázquez. Reúne a profesionais da literatura, a ilustración, a música, a comedia e os videoxogos, “buscando achegar a creación contemporánea a públicos variados”.

Lucía Aldao, poeta e música, forma parte desta grande familia e sinte como en cada entrega se consolida máis: “O festival ten un compoñente moi emocional e na primeira edición, aínda máis. Participaron amizades e achegados a Hemato que forman parte deste gremio. Penso que foi un xeito de pasar o dó, un tirar para diante”.

O festival prepara o seu regreso do 12 ao 25 de abril en distintos puntos da cidade, pero este sábado ofrecerá un pequeno petisco do Vitruvia. “É unha lembranza a traxectoria de Hemato, o seu espírito e ao xeito que tiña relacionar o mundo infantil co humor e música e en ser unha persoa moi apegada á vida; aquí é onde eu teño cabida”, apunta Aldao, que participará no encontro xunto a Ledicia Costas, á dramaturga Paula Carballeira e ao músico Eris Mackenzie, que se suma por primeira vez ao cartel. “Síntome como parte da familia. Cando coñecín ás organizadoras xurdiu o feeling dende o minuto un”.

Os catro participaron o fin de semana pasado na presentación en Madrid, onde tamén estiveron Ignatius Farray e Amaral.

Contenido patrocinado

stats