Éxito na primeira das tres “verbenas da Caridade”

A Clásica de Vigo voltará ao claustro barroco de San Francisco con “Rumbantela” o mércores e o 16 coa orquestina e música de cafés

O concerto deste martes no claustro barroco de San Francisco.
O concerto deste martes no claustro barroco de San Francisco. | LIno Escurís

“O concerto inaugural superou tódalas expectativas, conseguimos encher, a xente acudiu ante a oportunidade de acceder a este claustro, descoñecido pola maioría e que forma parte da nosa historia”. Manuel Martínez, director artístico da Clásica e promotor de “Verbenas da Caridade”, por primeira vez levou un ciclo musical ao interior do convento do Berbés para dar visibilidade o labor que realizan alí dende Fundación Casa da Caridade, presidida por Carmen Cornejo-Molíns. “O que recademos, despois de pagar os gastos dos concertos, serán para o comedor social”,

Nesta sesión inaugural o público puido desfrutar do servizo de bar, un mercadillo de artesanía e da proxección da película “Canto de Emigración”, a recuperación realizada por Pepe Coira (asistente entre o público) do filme de vangarda que dirixíu Antonio Román en 1935 con música do vigués Teódulo R. Páramos. O filme sen diálogo estivo acompañado pola agrupación orixinal da súa estrea, un sexteto de corda baixo a batuta de Manuel Martínez Álvarez-Nava.

“Foi un reto porque organizamos actividades novas para nós e sempre ten complicacións, pero logramos crear o ambiente de lecer que buscabamos, que a xente quede para vir ao concerto e desfrutar dunha noite de verán”, sinala o director artístico. O mércores será a segunda proposta: “Será algo diferente, pero seguimos co concepto de festa cos arranxos que facían dos éxitos do momento para eventos ou para tocar nos cafés. Interésame amosar unha época na que sen músicos non había música a través das partituras que se custodian nos arquivos das bandas”. Este primeiro ciclo de música de verbena finalizará o día 16 coa orquestina interpretando a música que se escoitaba nos cafés de Vigo nos anos 20 aos 40. “Este é un espazo marabilloso, ten todo que buscabamos: historia, tradición e acceso ao patrimonio único vigués, encantaríanos repetir”.

Contenido patrocinado

stats