A estrea de traxe do guía da danza de Santa Cristina
Lavadores acolleu o baile das Damas e Galáns en honor á patroa
No día grande de Santa Cristina de Lavadores, a comisión de festas amosou un novo logro nos seus esforzos por facer rexurdir o patrimonio da parroquia. Dous anos despois da recuperación das danzas brancas de Damas e Galáns, soben un chanzo máis na figura do guía do baile. Así, o integrante que faltaba estreouse onte con unha indumentaria baseada na descrición recollida polo Cancioneiro de Casto Sampedro: pantalóns curtos vermellos, chaqueta verde e pano de seda ao colo, suxeito con dous aneis, un chapeu redondo de palla cunha fita e unha pluma encarnada, máis un pano na man. O traxe saíu do obradoiro “Liño e lá”, da costureira Anahí Cachaza, de Gondomar.
Así, o guía ou capitán púxose por primeira vez ao fronte das tres fileiras, compostas por catro homes, catro mulleres e catro homes con traxes brancos, coa peculiaridade de atar os panos aos ombreiros e a cintura. Elas levaron sombreiros de palla, decorados con cadeas, alfaias e plumas altas de cores, mentres eles cubríronse con chapeus negros tamén con plumas altas.
En 2023 danzaron por primeira vez despois de case cen anos. A recuperación, coa colaboración do Fiadeiro, inspirouse nunha fotografía de Sarabia, do Museo de Ribadavia, considerada a última imaxe da danza.
Cumpriron coa tradición e bailaron ante a santa, ao regreso da procesión antes de entrar na igrexa.
Contenido patrocinado
También te puede interesar