“Estou convencido de que se atoparán os restos de García Lorca e dos compañeiros”

PABLO CASERÍO Arqueólogo vigués que buscou a tumba de García Lorca

nnn Pablo Caserío prepara o seu traslado a Coruña, onde nuns días comenzará a traballar na empresa de Archeoatlantica, pero sempre coa experiencia vivida en Granada moi presente, tal e como explica para Atlántico nesta entrevista.

ANA BAENA. VIGO abaena@atlantico.net
Publicado: 20 feb 2017 - 09:58 Actualizado: 20 feb 2017 - 11:51
O vigués, Pablo Caserío, coa bala ‘asasina’ que atoparon no pozo.
O vigués, Pablo Caserío, coa bala ‘asasina’ que atoparon no pozo.

Como se involucrou no proxecto da búsqueda de Lorca?

Dende sempre me interesou indagar máis sobre a morte de García Lorca, xa dende o instituto. Levaba tempo seguindo as campañas da procura do poeta. Ao terminar a segunda campaña, en 2014, lin unha noticia onde o director Javier Navarro, arqueólogo e presidente da Asociación Cultural Regreso con Honor, dicía que estaban a 20 metros de atopar os restos de Lorca, pero que tiveron que parar por falta de orzamento. Impactoume. Púxenme en contacto para colaborar con eles no que fose posible e finalmente deume a oportunidade de participar. Estareille eternamente agradecido por confiar en min.

Cal era a súa función?

Eu era o máis novo do equipo e o único galego. Entre outros traballos, participaba nas tarefas arqueolóxicas de campo, excavar, realizar perfís estatigráficos, utilizar o detector de metais para a procura de posibles balas e atopar posibles evidencias antrópicas como cerámicas.

Con que fontes contaron para establecer o lugar onde podían estar os restos?

A investigación baséase principalmente no libro "Las trece últimas horas en la vida de García Lorca" de Miguel Caballero, investigador do proxecto, que á súa vez segue a obra "Los últimos días de García Lorca" de Eduardo Molina Fajardo, un xornalista do réxime franquista que nos 70 realizou varias entrevistas aos posibles fusiladores do poeta. Tamén contamos co testemuño do coronel Fernando Nestares, fillo de José María Nestares, un alto cargo do exército franquista. No ano 1977, acompañou ao xornalista Eduardo Molina Fajardo e tres dos fusiladores de Lorca ao lugar, onde confirmaron que alí os asasinaran e enterraran nun dos tres pozos de auga,onde atopamos dous proxectís da época.

Apareceron os restos de Lorca ou os homes que fusilaron co poeta?

Non apareceron os restos. Atopamos un terreo moi removido, isto indícanos que posteriormente ao enterramento, remexeuse a terra e exhumáronse os corpos. Que non acharamos nengún resto óseo, nen botóns, hebillas… indícanos que os corpos foron retirados antes da fase de esqueletización e posiblemente foron levados a unha fosa máis grande, para eliminar calquera rastro do crime. Pero estamos ante o lugar exacto onde Federico García Lorca e os seus acompañantes foron asasinados.

Notaron presións sociais e políticas ao tratarse dun personaxe tan emblemático?

Si, a presión social neste tema é moi grande. Ao estar en Granada, notei unha atmosfera de tensión, moita xente non quere falar, aínda segue presente o medo. Houbo algunha xente que por determinadas razóns non nos apoiou, aínda que a maioría si. Eu gardo moito agarimo aos veciños de Granada. Que estea o nome de Lorca ligado a esta fosa ten efectos positivos e negativos. Sábense os nomes cos que o poeta foi asasinado e o posible lugar. Hai miles de familias que descoñecen onde están enterrados os seus seres queridos. Sen embargo, a familia do poeta non nos apoiou coas excavacións. Nesta última campaña non recibimos nin un euro de diñeiro público, realizouse con fondos privados. Ningún membro do equipo cobramos por excavar alí.

Para un arqueólogo hai diferencia ao traballar nunhas fosas de Memoria Histórica frente xacemento anónimo?

Eu excavei no castro da Cabeciña en Mougás e nun poboado talayótico en Mallorca. É moi diferente, aquí cámbiache a mentalidade. Non é o mesmo atopar estruturas, restos materiais de hai miles de anos que buscar restos humanos de tan só 80 anos. Está moi recente todo, buscamos a persoas, das que sabemos os seus nomes e aspectos da súa vida. Non podes ser frío ante isto. As excavacións de Memoria Histórica son un exercicio de xustiza para lles dar un lugar digno de enterramento a estas persoas. A estas familias negouselles o duelo. Non se trata de abrir feridas, senón de pechalas.

En que punto está a investigación?

Pensamos que os corpos foron exhumados e trasladados a unha fosa máis grande, posiblemente en Viznar, moi preto. Puido ser para intentar borrar calquera rastro do crime e evitar que os investigadores estranxeiros deran con el. Seguiremos investigando, sempre con documentos por diante e quizais, podamos volver a excavar. Eu estou convencido de que se atoparán os restos de Lorca.

Cal momento máis duro e máis emotivo a nivel persoal?

Emocinoume a insistencia de Neves García Catalán por atopar os restos do seu avó Dióscoro Galindo, todo o equipo esforzouse ao máximo. Tamén Enrique, un granadino de máis de 80 anos. Preto asasinaran a familiares seus e contábanos anécdotas da guerra. Viña tódolos días e traíanos auga. O último día estivo desde primeira hora, desexando que atopásemos os restos. Esa insistencia emocionoume, . Ese día Javier Navarro deunos un abrazo case chorando. É un home curtido, pero que sufríu moita presión.n

Contenido patrocinado

stats