Espectáculo de música e poesía en ruta por Rosalía
O Coro de Voces Graves ofrece unha nova entrega de Concertos In Situ trala pegada da poeta por catro paradas do barrio histórico que rematará cun concerto en San Francisco
O vindeiro martes, 15 de xullo, conmemórase o 140 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro e a asociación Coro de Voces Graves prepara para ese mesmo día unha proposta novidosa para homenaxeala: a combinación de espectáculo de música e poesía en ruta polo Casco Vello.
Seguindo o carácter do ciclo co que xa actuaron nas Salesas Reais e en Sobrado dos Monxes, procuran espazos relacionados co tema. Así, o barrio histórico acolleu a imprenta Compañel, onde se publicou “Cantares Gallegos” en 1863, e onde residiu a poeta co seu home durante a súa estadía na cidade. Alí, na rúa Real, 17, onde se establece a cuestionada localización do prelo comezará o routeiro ás 18 horas. Están convocados poetas, músicos (gaitas, percusións e pandereteiras) e unhas 20 voces do coro.
Á seguir, tres paradas máis: A Concatedral, ás 18:20 horas, pola súa connotación relixiosa e pola súa cercanía ao peirao de onde partían os migrantes; o antigo casino (actual biblioteca Juan Compañel), lugar de encontro da burguesía da época, ás 18:45 horas e á antiga Praza da Vila (actual Praza da Constitución), punto de celebración de feiras e festas populares, ás 19:10 horas. En tódalas elas terán lugar micro-concertos que alternarán con recitais dos versos de “Cantares Gallegos”, abertos á cidadanía.
A xornada finalizará ás 20 horas cun concerto na igrexa do convento de San Francisco, no Berbés. O coro estará acompañado pola soprano Bea Riobó e polo pianista Carlos E. Pérez, xunto coas rapsodas Mª Xosé Martínez Pérez e Carmen Vega, quen porán voz aos textos rosalianos.
“En ‘Cantares Gallegos’, Rosalía mistura poemas costumbristas, de exaltación relixiosa, intimistas e reivindicativos; pon voz a un pobo que sofre, berra, chora, canta e baila. É unha obra totalmente influenciada polas cantigas populares galegas, que resulta indispensable para achegarnos e entender as costumes e o espíritu galego”, afirma Alberto Abal, director do coro.
Para a ocasión escolleu un repertorio con música popular e de autor. Abrirán nove poemas musicalizados, entre eles, as composicións feitas por Baldomir, do quen se conmemora o 160 aniversario do seu nacemento; de Torres Agrelo, o que fora o organista da Concatedral ou Andrés Gaos, que antes de morrer traballaba en “Rosa de abril”, obra que aínda estaba no atril. Finalizará con tres temas non de Rosalía de Castro, senón que falan sobre ela, de Ramón Cabanillas, de Benito Pérez e de J. Busto.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último