A Escola de Gaitas da Provincia reencóntrase coa Deputación
Xestionada por unha Fundación independente dende 2015 e con sede no Ifevi, retomou o contacto co goberno provincial ao actuar na toma de posición do novo presidente
A Escola de Gaitas da Provincia de Pontevedra comezou o curso con 200 alumnos nas especialidades de gaita, pandeireta e zanfona e coa matrícula aínda aberta. O centro, dirixido por Hipólito Cabezas mantívose activo, pese a perder o apoio da Deputación provincial en 2015, entidade á que estaba inscrita. “O importante foi seguir traballando e superar esa hecatombe; creamos unha Fundación e buscamos o apoio de empresas privadas e da Xunta”, apunta o director.
Aínda así pasaron de ter cinco escolas espalladas por toda a provincia con 811 alumnos a quedarse só con dous centros, un en Pontevedra e outra en Vigo. Coa pandemia só se puido manter o do Ifevi, onde un curso máis a gaita volve a ser o instrumento estrela con 103 estudantes, fronte os 37 de percusión (21 en pandeireta e 16 en zanfona).
Pasaron sete anos e a banda de gaitas da Escola volveu tocar na Deputación. Foi contratada para a toma de posesión do actual presidente, Luis López. “Estamos moi contentos de ter participado porque unha cerimonia importante á marxe de que partido sexa”. Para a semana teñen convocada unha reunión coa responsable de Cultura da entidade provincial. “Non sei se volveremos a situación anterior, pero a lo menos agardamos normalizar as relacións e abrirnos a convenios ou colaboracións”.
“En Vigo hai moita oferta e a mocidade non valora a música tradicional porque non a coñece, no momento en que collen unha gaita, quedan enganchados”. Precisamente para tentar atraer ás novas xeracións, na Escola imparten clases gratuítas á rapazada ata os 16 anos en tres modalidades (gaita, pandeireta e tambor). “É un grande esforzo, pero facémolo coa convicción de que o futuro da música tradicional está nas novas xeracións”. Amais ensinan zanfona, canto tradicional, corda pulsada, acordeón e música e movemento sen límite de idade.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último