Editorial Galaxia inicia unha nova etapa con Tamara Andrés
"Un proxecto cultural que aspira a construír unha sociedade máis amorosa, especialmente nos tempos que corren"
A poeta e tradutora Tamara Andrés convértese na primeira muller en asumir a dirección editorial de Galaxia. A inauguración dunha nova sede marca o inicio dunha etapa na histórica editorial galega que procura combinar o legado dos seus 75 anos coa incorporación de novas voces e a conquista de novos lectores.
Editorial Galaxia presentou este martes a Tamara Andrés como nova responsable de Edicións durante un acto no que tamén inaugurou as súas novas instalacións na rúa Travesía de Vigo. O nomeamento supón unha substitución clave na estrutura da editorial e abre unha etapa marcada pola renovación, sen renunciar á identidade que os definiu desde a súa fundación.
O presidente do consello de administración, Antón Vidal, destacou que a nova sede será un espazo "onde se fan libros, pero sobre todo se soña con libros e coa literatura" e reivindicou o papel de Galaxia como un proxecto cultural comprometido coa defensa da lingua e da cultura galega.
Pola súa banda, o director xeral, Marcos Calveiro, explicou que as novas instalacións unifican a actividade editorial e de distribución da empresa, un paso que simboliza a aposta "pola renovación e polo futuro". Tamén subliñou que a editorial mantén un ritmo de preto de douscentos títulos publicados ao ano.
Tamara Andrés, que xa dirixía a colección de poesía Dombate como editora externa, asegurou que manterá a liña editorial de Galaxia, aínda que reforzará áreas como a poesía, o teatro e a banda deseñada. Ademais de impulsar a incorporación de novas voces e unha maior presenza de autoras.
Entre os principais retos desta etapa situou a conexión coas novas xeracións de lectores. "Conxugar o pasado coas necesidades dese lectorado novo", afirmou.
Unha nova etapa na que procura consolidar o seu legado e ampliar a súa comunidade lectora sen perder a súa esencia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar