Edificio Bonín, o Concello soñado para Vigo
O maxestoso edificio de Jenaro de la Fuente sería a Casa Consistorial que mellor representaría o Vigo moderno
En Vigo contamos con algúns dos edificios máis impresionantes de Galicia, construídos todos coa nobre pedra traballada a man polos vellos canteiros do país. Pero, sorprendentemente, cando hai que erguer algún proxecto arquitectónico público e significativo para a imaxe da cidade, especialmente cara o exterior, os responsables dos mesmos adoitan buscalos fóra exclusivamente e, xa que logo, excluintemente. A historia da cidade demostra que é un erro no que caen a cotío as nosas corporacións locais, sen distincións de ideoloxías, aos que seica as árbores dun tiránico deus chamado Progreso non lles deixan ver o bosque dos valores propios. Un ‘progreso’ que xa deixou nesta cidade, especialmente na longa etapa franquista, pegadas tan tristemente inesquecibles como a desaparición de moitos edificios nobres, entre eles o Hotel Continental (para erguer o adefesio do hotel Bahía) e sobre todo o chorado Rubira (onde se construíu outra aberración urbanística, a sede viguesa do Banco de Bilbao), casualmente ámbolos dous, Continental e Rubira, tamén proxectados por Jenaro de la Fuente.
É verdade que é un mal xeralizado en toda Galicia, onde a defensa do patrimonio que nos identifica como pobo (e non só o arquitectónico, como é notorio) seica non é precisamente o forte dos galegos, pero iso non debera servir de excusa para perpetuar (e perpetrar) a mesma teima esnaquizadora. Vigo precisa de exportar a súa imaxe ao exterior en todas as frontes. Entre outras cousas, porque a decimonónica e hai longo tempo obsoleta distribución territorial (non só están de máis as deputacións, tamén as provincias, totalmente absurdas nunha autonomía histórica como a galega) trouxo aparellada para esta urbe unha invisibilidade da que aínda hoxe estamos a pagar as súas consecuencias, malia sermos a primeira cidade de Galicia. O edificio Consistorial é un dos sinais de identidade máis importantes e representativo dun concello a todos os niveis: histórico, administrativo, turístico, informativo...… E é vox populi na nosa cidade que a actual torre do Concello, construída a comezos dos anos setenta derrubando ilegalmente parte do histórico castelo de San Sebastián, non é precisamente a faciana de Vigo que os vigueses (que a consideran en xeral esteticamente anodina, por non dicir simplemente fea) prefiren amosar cara fóra dos nosos lindeiros.
No caso do edificio Bonín da rúa Areal, ninguén se explica como é posible que a magnífica obra de Jenaro de la Fuente non teña desde sempre un uso institucional que poña en valor e dea a coñecer como se merece esta xoia da arquitectura e da historia viguesa alén da nosa cidade e do noso país. E que mellor xeito que converténdoa na Casa de Todos, nun Concello de nobre pedra galega que nos lembre as nosas orixes, precisamente agora que se cumpren dous séculos da proclamación oficial de Vigo como cidade, e que, de seguro, alongaría a súa prestancia e categoría no tempo moito máis que o edificio presentado no proxecto polo arquitecto madrileño.
Xa o arquitector Xaime Garrido, autor de ‘"Arquitectura da pedra en Vigo"’ e máis “‘Vigo. La ciudad que se perdió"’, unha verdadeira obra de referencia para calquera interesado na historia, pensaba que ‘a Casa Bonín sería o Concello ideal para Vigo’ pola súa magnificencia e porque representa coma poucos dende o nacemento da cidade tal como hoxe a coñecemos ata a tradición canteira de Vigo e toda a súa bisbarra. A pedra procedía de Ulló, en Arcade, e era a de máxima calidade que se podía atopar. Jenaro de la Fuente construíu o edificio para un indiano enriquecido, Manuel Rodríguez, e maila súa muller de orixe italiana, Angelina Bonín, e hoxe pode considerarse a obra máis representativa do eclecticismo na cidade’. A compra e recuperación do Bonín sairía máis barata, e aínda que así non fora, en todo caso valería moito máis a pena para Vigo ao contar cun Concello dunha categoría inigualable. Ademais, a idea de utilizar o antigo Rectorado como Alcaldía, xa experimentada por Corina Porro, duplicaría a capacidade. Tamén sería factible mercar o edificio de tres plantas a carón do Bonín na rúa Areal e un solar anexo, así como posiblemente parte da zona posterior entre as rúas Oporto e Rosalía de Castro para gañar capacidade.
Contenido patrocinado
También te puede interesar