Dragóns e magos combaten tamén na lingua con Esbozos
“Non é cotiá que haxa partidas de rol na nosa lingua e como galegofalante considero que é unha eiva, apetecíame tentar introducilo pouco a pouco”. Patricia Villanueva é a presidenta de Esbozos, unha asociación que onte ofreceu por primeira vez unha xornada de portas abertas para amosar a dinámica do xogo con tres partidas en marcha.
A maxia chegou con tres propostas distintas a cargo de tres máster (Roi, Bruno Doiro e Luis Nande): “Unha vila calquera”, baixo o sistema de Troco; “Unha faísca na escuridade”, no sistema de Mausritter, moi baseado na interpretación e “O santuario das sombras perdidas”, do clásico Dragóns e Mazmorras. Cada un dos máster escribiu un guión con distintas opcións para os xogadores. Nada está pechado, o final da xornada sempre é inesperado. Postos en situación, as primeiras tiradas de dados soaron ás cinco da tarde. Por diante quedaban entre tres e catro horas de concentración e de viaxe a mundos fantásticos. Os risos iniciais e as chiscadelas do arranque axiña deixaron paso a conversas exclusivas de cada realidade. Os xogos botaron a andar.
Así, tres partidas ‘one shot’ (autoconclusivas) disputáronse onte de xeito simultáneo. Na sede da asociación, unha casa de dous andares en Teis, os visitantes pasaban dunha sesión a outra, mudando a atmosfera, ata a música coa que os masters meteron en ambiente aos catorce xogadores que batallaban entre as tres partidas. Cada un converteuse en protagonista da súa historia e dispuña dunha habilidade particular. Villanueva tamén participou no xogo e antes de empezar xa tomaba posicións: “Eu sempre levo un caderno e os dados, pero non é preciso levar nada, se poden compartir”.
Esbozos organiza unha partida que se prolonga varias xornadas (campaña) cunha cita mensual. Diego González é o seu máster, que idea e dirixe o xogo. “É unha historia medieval con varios episodios, ten fantasía e terror cultista, fanatismo, un pouco de todo”. Os tres personaxes vense envoltos nunha trama ao acudir a un evento canónico, teñen que compartir camiño para perseguir ao malo, resolvendo pouco a pouco o misterio.
“Para ser máster hai que ter imaxinación, pero sobre todo, capacidade de improvisación para saír de circunstancias en contra nas que nos meten os xogadores, no rol a historia cóntase entre todos”, afirma González. “Eu cedo a batuta e eles toman as decisións, eu teño que adaptar a trama ás novas circunstancias”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar