Dous colexios fan unha inmersión lingüística de 21 días falando en galego

Os CEIP Pintor Laxeiro e García Barbón comezaron onte unha campaña de inmersión lingüística que busca que os rapaces máis cativos se acostumen á lingua propia

Os rapaces de Educación Infantil e Primaria do CEIP Pintor Laxeiro, onte no acto de inauguración.
Os rapaces de Educación Infantil e Primaria do CEIP Pintor Laxeiro, onte no acto de inauguración.

Acostumar aos máis cativos á lingua galega durante as horas de lecer e, coa axuda das familias, tamén na casa. Ese é o obxectivo do programa “21 días falando galego” que onte presentaron os dous colexios de Vigo –CEIP García Barbón e CEIP Pintor Laxeiro– que participan nesta iniciativa da Consellería de Educación que cada ano se realiza nunha decena de centros de toda a comunidade autónoma.

Nesta edición, o programa chega por primeira vez aos alumnos de Educación Infantil, polo que toda a comunidade educativa de ambos os centros estará volcada nesta experiencia de inmersión lingüística que se desenvolverá ata o día 6 de febreiro.

Tanto o CEIP García Barbón como o CEIP Pintor Laxeiro celebraron onte un acto de inauguración nos seus centros para dar inicio á súa participación neste programa de dinamización lingüística. “É importante que os rapaces perdan ese medo a falar galego porque vemos que eles enténdeno e saben falalo perfectamente nas clases, pero cando saen dese ámbito é como se se esqueceran”, apunta Esther Fernández, directora do Pintor Laxeiro.

Parte do profesorado do CEIP García Barbón, co docente da UVigo Luis López Alonso (no centro).
Parte do profesorado do CEIP García Barbón, co docente da UVigo Luis López Alonso (no centro).

Neste colexio organizarán cada día xogos tradicionais no recreo nos que a consigna será expresarse usando unicamente a lingua galega. Ademais, haberá un obradoiro de karaoke ao que os rapaces poderán achegarse en cada momento de lecer e no que, tamén, a única condición é cantar cancións en galego.

Pola súa parte, no CEIP García Barbón prepararon unha especie de calendario de advento no que cada día se proporá unha actividade diferente, como o aforcado, o tabú, buscar palabras ao chou nos diccionarios ou unha entrevista na radio escolar ao profesor na Facultade de Traducción e Interpretación da UVigo, Luis López Alonso, que onte foi o maestro de ceremonias no acto de presentación. “Para involucrar ás familias os fins de semana pensamos cousas como que os nenos lles pregunten aos seus familiares palabras en galego que non coñecen para logo poñer en común ao volver ao colexio”, sinala Beatriz Fraga, responsable de dinamización lingüística neste centro.

Como colofón a esta iniciativa, os alumnos participarán nos programas “Galicia por diante” da Radio Galega e “Dígocho eu” da Televisión de Galicia con pílulas informativas e vídeos elaborados polos alumnos con diferentes temáticas, ademais de recibir a visita de Esther Estévez, conductora do “Dígocho eu”, nos seus colexios.

Contenido patrocinado

stats