Don Paco, de siareiro do Celta a mediador en conflictos laborais
Baixo o título “Francisco Fernández del Riego. O que nunca se rendeu”, a Real Academia Galega estreou na súa canle de youtube e na súa web o sexto e derradeiro episodio da serie documental que lle dedica a Don Paco. Foi o creador da gran festa das Letras Galegas do 17 de maio e é o homenaxeado este ano no que se cumpre o sesenta aniversario da conmemoración.
Esta nova entrega ten unha impronta especial a cidade de Vigo, que xunto a Lourenzá e a Compostela formou parte das localizacións da rodaxe. A produción amosa os distintos perfís dun home polifacético que foi figura central da historia cultural da Galicia do século XX e entre as súas temáticas destaca a dirección da Fundación Penzol, á que estivo vencellado ata o seu falecemento, a fundación da editorial Galaxia ou a mesma presidencia da Real Academia Galega.
“Se algo caracterizaba a don Paco era o seu entusiasmo, sempre vía a botella medio chea para seguila enchendo”, conta o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, neste episodio, no que tamén participan Camiño Noia que lembra a súa intermediación entre sindicatos e empresa: “Foi o home bo nos conflitos de Citroën. Cando os sindicatos non se poñían de acordo coa empresa nas reivindicacións, ía Paco e conseguía que se puxesen de acordo”. Lembra que “era un home moi amigo da vida. Ía ver o partido todos os domingos a Balaídos cun puro. Integrábase coa xente, todo o mundo coñecía a Paco”.
Malores Villanueva, unha das súa biógrafas apunta que “a Fundación Penzol era o seu fogar. Teño gravado algo que me dixo: gustaríalle morrer cun puro nas mans e os pés na Penzol”.
Unha pegada nas seguintes xeracións
“Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu” é unha serie da RAG realizada por un equipo de xente moza. A limiá Belén Rivero asina o guión e o lugués Damián Varela, a dirección do documental, que se levou acabo co apoio económico da Xunta de Galicia e do Ministerio de Ciencia e Innovación.
A narración avanza coas lembranzas de persoas que coñeceron e estudaron a figura de don Paco, e tamén coa vivencia de autoras e autores das novas xeracións da conmemoración do Día das Letras Galegas que o propio Del Riego propuxo crear no seo da RAG en 1963, cando se celebrou por primeira vez cadrando co centenario da publicación dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Son Malores Villanueva, Manuel Román, Ramón Nicolás, María Xosé Queizán, César Cunqueiro, Xesús Alonso Montero, Henrique Monteagudo, Ramón Villares, Fina Casalderrey, Margarita Ledo, Camiño Noia, Francisco Castro, Xosé Manuel Soutullo, Dolores Vilavedra, Patricia Arias Chachero, Antón Santamarina e Víctor F. Freixanes; e mais Rosa Aneiros, Ismael Ramos, Rosalía Fernández Rial, Tamara Andrés, Cándido Paniagua e Ledicia Costas.
Tamén participan na serie alumnos e alumnas do CEIP Juan Rey, a escola de infantil e primaria de Lourenzá; e mais o músico do Valadouro Nuno Pico, coñecido como Grande Amore, o comunicador Matías Tarrío e o escritor Bernardo Penabade, encargados das voces en off de don Paco nos anos de mocidade, madureza e vellez, respectivamente. A música da serie foi creada por Álvaro Trillo, que recorreu á percusión inspirándose no propio carácter de don Paco.
A montaxe enriqueceuse con material dos arquivos audiovisuais da CRTVG, o CGAI, a Filmoteca Española, Ricardo Gurriarán e a USC, e fotografías e outra documentación da Fundación Penzol, a Editorial Galaxia, a Fundación Otero Pedrayo, Manuel Román e Lume Aceso, entre outras entidades.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último