O documental perdido de José Suárez segue alimentando a súa lenda
O Ateneo Atlántico reivindicou onte a figura do fotógrafo ourensán que soubo retratar á Galicia mariñeira a finais da década dos 30
O Ateneo celebrou onte na Casa Galega da Cultura un acto dedicado ao fotógrafo José Suárez no marco do Día das Artes Galegas, unha edición especialmente centrada na recuperación e posta en valor da súa figura. O evento contou con Manuel Sendón e X.L Suárez Canal, que puxeron o foco tanto na súa importancia histórica como nas lagoas que aínda existen sobre o seu legado.
Anxo Cabada foi o encargado de dirixir a homenaxe, destacando que a incorporación da fotografía como disciplina recoñecida no Día das Artes Galegas supón un avance relevante na cultura galega contemporánea. Nese contexto, insistiu en que o obxectivo principal é a recuperación dunha figura fundamental, “a reivindicación de José Suárez como fotógrafo”.
Un dos aspectos máis salientables da intervención de Cabada foi a descrición da traxectoria de Suárez, marcada pola súa proxección internacional e pola súa conexión coa intelectualidade da época. Segundo explicou, “foi un fotógrafo pioneiro na proxección da fotografía a nivel artístico”, situándoo como unha das voces visuais máis innovadoras do século XX galego.
Entre as súas obras máis recoñecidas destaca a serie “Mariñeiros”, realizada na costa do Morrazo nos anos 30. Cabada subliña o carácter singular deste traballo ao afirmar que “é unha posta en escena moi novedosa para a época”.
O investigador insistiu na relevancia do seu traballo internacional e na súa condición de pioneiro, lembrando que “estivo traballándose en revistas como Life”, un dato que exemplifica a súa proxección fóra do ámbito galego.
A súa biografía está marcada tamén pola experiencia do exilio e polos contactos con figuras da cultura internacional. Neste sentido, o relato vital de Suárez aparece atravesado por unha traxectoria fragmentada, na que a produción artística se desenvolve entre distintos países e contextos políticos complexos.
Un dos episodios máis coñecidos da súa historia é a desaparición dun documental sobre mariñeiros galegos durante a Guerra Civil, proxectado en Arxentina. Sobre este feito, Cabada sinala que “ese material proxectouse unha soa vez e despois perdeuse completamente”, converténdose nun dos grandes misterios arredor da súa obra. A busca dese arquivo continúa hoxe por parte de investigadores, que non descartan a súa aparición en fondos privados ou depósitos internacionais. O propio Cabada describe esta situación como “unha busca que segue aberta e sen respostas claras”, evidenciando a incerteza que rodea ese capítulo.
Tamén lembra a dimensión humana do autor, especialmente nos seus últimos anos, marcados por dificultades tras o regreso a Galicia. Nese contexto, o investigador sinala que “a súa vida foi moi difícil ao final da súa etapa en Galicia”. Suárez morrería en 1964 na Guarda, con sospeitas de que puidera terse quitado a vida.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último