Doce relatos cubren as lagoas da historia en clave feminina

A Deputación promove en formato podcast o programa “Aquí faltan páxinas” para completar os capítulos silenciados

Publicado: 21 dic 2022 - 01:50 Actualizado: 21 dic 2022 - 12:30

Carmela Silva, a presidenta da Deputación, cos responsables de “Aquí faltan páxinas”.
Carmela Silva, a presidenta da Deputación, cos responsables de “Aquí faltan páxinas”.

María Soliña, Elisa Patiño, Olimpia Valencia, Maruja Mallo, Concepción Arenal, Antonina Sanjurjo, María Vinyals, Ernestina Otero, Ángeles Alvariño, Isabel Barreto, Carolina Otero e Sofía Novoa son as protagonistas dos doce podcasts de “Aquí faltan páxinas”, unha iniciativa pioneira promovida pola Deputación de Pontevedra, xunto ao Cable Inglés para por en valor a contribución feminina á historia.

O proxecto arrancará en xaneiro cunha colección de relatos sonoros, narradas por Marián Fernández que dará a coñecer no 2023 os logros destas mulleres, unha por mes, que se complementarán con 12 faladoiros en nove concellos da provincia que tiveron relación con elas.

As imaxes das protagonistas ocuparon onte o Salón de Plenos na presentación do proxecto que explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto á coordinadora Marián Fernández, e Guillermina Domínguez, Milagros Bará e Loli Docampo, que protagonizarán tres dos coloquios previstos. Amais, publicarase unha ruta virtual que amosará os puntos máis importantes da biografía da protagonista do mes.

A presidenta provincial, Carmela Silva destacou que este proxecto, que nace con vocación de continuidade, dá voz “a mulleres imprescindibles, a nosa historia esquecida, pero nunca enterrada”. “As aportacións das grandes mulleres -apuntou- non as pode borrar ninguén e iso que empeño puxeron”.

A coordinadora do proxecto, Marián Fernández, destacou o papel da Deputación no liderado de accións e programas de igualdade “tecendo sinerxías importantes” coa sociedade e subliñou a necesidade “de seguir escribindo as páxinas que quedaron esquecidas, olviadas e ninguneadas na historia, esta colección nace con vocación universal e temos moita fame de referentes”, de xeito que a colección parte de mulleres na provincia, pero “nos gustaría seguir incorporando nomes de calquera ámbito, tanto público e privado, sen elas non estariamos aquí”.

Contenido patrocinado

stats