Doce curtas e tres longametraxes da lusofonía, na carteleira viguesa
A sexta edición do festival de cinema Pontes propón tres días no que audiovisual en galego-portugués conquista a grande pantalla, coa proxección da representante lusa nos Oscar
Xa vai para unha década en que o cinema da lusofonía ten unha cita no almanaque vigués. Primeiro foi Ponte coa Lusofonía para seguir con Pontes, na que a promotora local Abella Producións organiza un festival que permite visualizar o máis prometedor do audiovisual galego, portugués, brasileiro, angoleño, mozambiqueño e do resto das ex-colonias lusas que comparten lingua. Mañá, no auditorio do Museo de Arte Contemporánea comeza unha nova edición que trae doce curtas que compiten entre elas na sección oficial: “Vou para Angola”, de Jéssica Lima (Angola/ Sto Tomé e Príncipe); “Couraça”, de Susan Kalik e Daniel Arcades (Brasil), “Latitude Fénix”, de Welket Bungué (Portugal/Guinea Bissau/Sto Tomé e Príncipe) e “As mãos da pulpeira”, de Silvia Cachafeiro (Galicia). O xoves será a quenda de Alice Eça Guimarães con “Porque hoje é sábado” (Portugal); “El lago silente” de Varo López (Galicia); “Hora de mudar”, de Pocas Pascoal (Portugal/Angola); “Re-Volta”, de Pedro Murad e Daniel Herz (Brasil) e “Procuro T”, de Danilo Bastos Godoy (Portugal/Brasil/Alemaña). Na última sesión, a do venres, proxectaranse “O corpo de Cristo” de Bea Lema (Galicia); “Anastácia”, de Lilih Curi (Brasil); “O véu”, de Gabriel Motta (Brasil) e “Submergido” de Arial Añez (Mozambique). Tódalas proxeccións comezan ás 17:30 horas, con entrada gratuíta.
Fóra de competición, os multicines Norte acollerán tres longametraxes, unha cada día, ás 20 horas, cunha entrada reducida de catro euros. Dende Costa Verde chega “Henami”, de Denise Fernandes; dende Brasil, “Amuleto”, de Igor Barradas e Heraldo HB e finalizará cunha coprodución luso-brasileira “A memoria do cheiro das coisas”, seleccionada para representar a Portugal nos Oscar.
“O que levamos a Vigo son moito máis ca películas. Levamos novas narrativas, outras formas de mirar o mundo e unha nova ollada atenta sobre as realidades que, a pesar da proximidade xeográfica e cultural, moitas veces permanecen afastadas de nós”, apunta André de Oliveira, que xunto a Juan de Castro, está detrás do festival.
Sinala que Pontes pretende ser algo más que unha mostra. “Queremos potenciar as posibilidades e oportunidades que poden xurdir a ambos lados do Atlántico e contribuír a consolidar Galicia, e especialmente Vigo, como porta de entrada e punto de encontro para estas cinematografías”. Así, mañá, ás 17.30 horas, Artes e Oficios acollerá Impulsa Cine, unha xornada paralela que convida a debater sobre cinema a Igor Barradas, Luisa Godoy Pitanga, Heraldo HB e Nayara Homem, coa participación aberta aos asistentes.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último