Diego Giráldez: “Fixome ilusión que o premio blanco amor fose con esta novela que me saíu do corazón”
Entrevista
O xurado escolleu a súa obra por maioría entre un total de 49 orixinais presentados nesta edición, máis do dobre da pasada convocatoria
“Grazas polo aluvión de felicitacións. O móbil leva toda a mañá recalentado. Amigas, amigos sodes imprescidibles”. Diego Giráldez (Porriño, 1976) agradeceu así en redes sociais as primeiras reaccións tras lograr o premio de novela Blanco Amor. Tamén se lembrou con retranca dos que non lle escribiron ren. Aínda tratando de asimilar a noticia, festexeu xunto a súa familia o galardón que obtivo “As obras póstumas”. O xurado escolleu a súa obra por maioría entre un total de 49 orixinais presentados nesta edición, máis do dobre da pasada convocatoria. O premio está dotado con 15.000 euros e unha peza artística do escultor Acisclo Manzano. No seu fallo, destaca o estilo “directo, rico e cargado de simbolismo” que caracteriza á proposta literaria, na que se aborda a experiencia dunha escritora que ante a diagnose de demencia, reflexiona sobre a vida e sobre o seu traballo. O Premio Blanco Amor é o galardón máis veterano da novela en lingua galega e leva implicita a publicación da obra. O escritor asegurou sentirse afortunado de ter gañado esta distinción. Valora que sexa na primeira vez que participaba no certame e precisamente con unha historia moi especial para el.
Que supón para vostede conseguir este galardón?
Sei ben o prestixio que ten este premio, pero sobre todo fíxome moita ilusión que fose precisamente con esta novela. Creo que é o mellor traballo que fixen nunca. É unha obra que me saíu do corazón. Cando me chamaron para comunicarmo, estaba nun restaurante comendo coa miña familia e emocioneime moitísimo. Tanto que a camareira achegouse a preguntar se tiña algún problema. Foi moi emocionante.
Que pode adiantar da historia de “As obras póstuma”?
Nesta novela conto a historia de Pilar Fonte, unha escritora moi recoñecida que prepara a súa obra póstuma como un encargo do seu editor, cando entra nun proceso dexenerativo moi acelerado. Nesa obra vai debullando algúnhas pasaxes da súa vida e, sobre todo, unha relación moi interesante co sanatorio mental San Simeón, que está ubicado xusto diante da súa casa.
Cal é o motivo que fai que sexa tan especial para vostede?
É unha obra na que empreguei moito o corazón. A medida que ía avanzando vía todo o tempo a miña avoa, Maruja, que pasou por un proceso dexenerativo de párkinson e alzhéimer durísimo. Está dedicada a miña avoa. Ademais, nunca escribira dende o punto de vista dunha persoa de 80 anos. Con esta novela considero que fago un guiño á xente maior, que moi poucas veces é protagonista de libros. Está escrita en primeira persoa, metinme na súa pel.
Este premio leva implícito a publicación da obra por unha editorial escollida polo gañador, xa sabe con cal será?
Non o teño decidido aínda, pero non vou negar que recibín moitas mensaxes. Teño a novela no caixón e estoulle facendo unha última revisión pequeniña. A novela está rematada, pero ata que non se publique sempre lle das pequenas voltas. Teño dende agora un máximo de seis meses para publicala.
Este ano houbo máis do dobre de participantes no certame, considera que isto reflicte un pulo da literatura galega?
Hai moitísima xente escribindo e iso está moi ben. Dende a pandemia nótase moitísimo na cantidade de manuscritos que se reciben nos premios. É incrible que o Blanco-Amor tivese este ano máis de 40 manuscritos. Logo, evidentemente, haberá cousas de máis ou menos calidade, pero é subxectivo. Estou moi contento de que estean aparecendo autores e autoras que a min, persoalmente, me están sorprendendo dun xeito brutal.
Contenido patrocinado
También te puede interesar