O dicionario das bestas galegas

O escritor vigués Vítor Vaqueiro e o pintor Ánxel Huete presentaron onte na cidade o seu “Bestiário”, no que percorren a mitoloxía galega inspirados nos manuscritos medievais

Vítor Vaqueiro e Ánxel Huete, onte na presentación do libro.
Vítor Vaqueiro e Ánxel Huete, onte na presentación do libro. | J.V. Landín

A tradición mitolóxica galega atopa unha nova forma de expresión no último traballo de Vítor Vaqueiro e Ánxel Huete. O seu novo libro, “Bestiário” (Néspera Editora), propón unha viaxe entre o literario e o visual a través dun compendio contemporáneo dos mitos e lendas galegos, inspirados nos códices medievais. A obra estrutúrase en 45 textos acompañados de 45 debuxos, configurando un diálogo constante entre palabra e imaxe.

Os debuxos, definidos por Vaqueiro como pictogramas, sitúanse entre o icónico e o simbólico, obrigando o lector a participar activamente na interpretación. “Hai unha interacción e unha descripción literaria”, sinala Vaqueiro, quen destaca que en ocasións o debuxo amplía o significado do texto, mentres que noutras é o texto o que permite descifrar o sentido simbólico da representación gráfica..

O proxecto bebe directamente da tradición da cultura popular galega, mais faino desde un respecto rigoroso polas crenzas transmitidas oralmente. Lonxe dunha recreación fantasiosa, o autor, que xa ten traballado esta materia en obras como “Guía da Galiza máxica, mítica e lendaria” (1998) ou “Mitoloxía de Galiza” (2011), sinala que o material exposto procede dun imaxinario vivo e recollido en conversas con veciñas e veciños.

Entre as figuras que aparecen destacan seres amplamente coñecidos no folclore galego, como a Santa Compaña, os mouros e as mouras, ou o trasno, así como outras entidades menos difundidas fóra de determinadas zonas do país. O autor subliña precisamente esa diversidade territorial: “hai outras que son mais locais”, indicando como algúns mitos sobreviven só en áreas concretas. Un dos exemplos máis singulares é o da Coca, presente sobre todo en Redondela e Betanzos, mais tamén documentada historicamente noutros lugares de Galicia, onde non sobreviviu.

O proxecto sitúase tamén na tradición dos bestiarios medievais, cunha clara referencia a fontes clásicas como Claudio Eliano, autor dun dos primeiros repertorios de animais da Antigüidade. Vaqueiro actualiza ese modelo, trasladándoo ao universo simbólico galego e ás súas criaturas míticas.

Vaqueiro explica tamén a relación entre o urbano e o cambio social, que provocan a desaparición de moitas crenzas, aínda que outras se transformaron ou sobreviviron como elementos culturais. Neste sentido, o autor defende a súa preservación: “son elementos que deben conservarse como parte do noso patrimonio cultural”, afirma con rotundidade. A obra, así, non é só un exercicio artístico, senón tamén unha reflexión sobre a memoria colectiva e a identidade cultural galega. Do mesmo modo que a arquitectura medieval ou obras como o Pórtico da Gloria se conservan como patrimonio, Vaqueiro propón coidar tamén este patrimonio inmaterial feito de historias, crenzas e imaxinación popular.

Contenido patrocinado

stats