Destacan a De la Riega, pioneiro do Colón galego

O Consello da Cultura Galega inclúeo nas citas do Álbum de Galicia

Imaxe de Celso García de la Riega no Álbum de Galicia.
Imaxe de Celso García de la Riega no Álbum de Galicia.

O Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorporou onte a entrada de Celso García de la Riega (Pontevedra, 1844-1914). Foi un historiador e escritor considerado como o primeiro impulsor da teoría galega de Cristóbal Colón, precedente referencial do experto vigués Alfonso Philippot. Ao longo da súa vida profesional, De la Riega tivo múltiples intereses e salientou en diversas facetas, como a política, a investigación no eido literario e histórico, o xornalismo e as artes plásticas. Foi un dos fundadores da Sociedad Galicia Literaria e membro da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, ademais de ser un dos primeiros socios da Real Academia Galega trala súa fundación. Guillermo García de la Riega Bellver é o autor da entrada que está dispoñible para consulta no web do CCG.

A entrada do Álbum de Galicia comeza cun percorrido polos primeiros anos da súa vida laboral, onde desempeñou varios cargos públicos relacionados coa política. Traballou como funcionario no Goberno Civil de Pontevedra, no Goberno Xeral de Cuba e da Habana, no Ministerio de Ultramar e gobernador da provincia de León entre outros. Tivo vinculación co Partido Liberal, co que chegou a ser deputado por Cambados, acadando diversos beneficios para o comercio marítimo da zona. O historiador acadou unha grande sona por iniciar a teoría da orixe galega de Cristóbal Colón, defendéndoa en varias obras como “La Gallega, nave capitana de Colón” ou “Colón, español”. En 1898 impartiu unha conferencia ao respecto na Sociedad Geográfica de Madrid titulada “Cristóbal Colón, ¿Español?”, que tivo grande repercusión na época, pero que lle valeron o rexeitamento de moitos dos intelectuais do seu tempo.

En 1875, foi un dos socios fundadores da Sociedad Galicia Literaria, que tiña como obxectivo contribuir a la prosperidad de Galicia, velando por sus intereses morales y materiales; y procurar el solaz y adelanto de sus individuos en el cultivo de las Bellas Letras.

García de la Riega tamén foi membro da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, fundada en 1894. Colaborou con Casto Sampedro, Carmelo Castiñeira e Luis Sobrino na catalogación e organización do Arquivo Municipal de Pontevedra, realizando un destacado labor. Ao constitírse a Real Academia Galega en 1906, foi elixido socio de número, pero declinou o nomeamento por discrepancias co enfoque da institución e co seu presidente, Manuel Murguía.

Contenido patrocinado

stats