Un desembarco de narices vermellos

O curso ’Clown Workshop’, que impartirá Jango Edwards no Conservatorio do Castro, xa encheu as 25 prazas ofertadas

Onte presentouse ’Mundoclown’ de Vigo, un festival desta modalidade de paiasos que terá lugar do 31 de xullo ao 3 de agosto, co título ’Memorial Carlo Colombaioni’ en homenaxe ao artista que traballou polo circo e o clown galego e inernacional. Neses catro días, a risa estará presente nas rúas da cidade con galas, un maraclown e un apartado solidario.

Tamén se ofertarán diversos cursos formativos coma ‘Clown Workshop’ para descubrir a comicidade que cada un leva no seu interior. Este festival concívese coma ponte de cara a instaurar o Festiclown na cidade no 2009.

ALBERTE MERA
Publicado: 18 jul 2008 - 12:04 Actualizado: 10 feb 2014 - 12:31
O clown internacional Jango Edwards impartirá o curso ’O clown Workshop’.
O clown internacional Jango Edwards impartirá o curso ’O clown Workshop’.

O Mundoclown Vigo 2008 ’Memorial Carlo Colombaioni’ serán catro días de festa nas rúas da cidade. Vén sendo unha edición ’ponte’ preparativa de cara ao próximo ano establecer o Festiclown na cidade, segundo dixo Xesús López, concelleiro de Cultura. Na presentación tamén estivo Fran Rei, coordinador da proposta, quen definiu o festival coma ’un desembarco pirata de narices vermellos’. Para el, o máis importante, é que o Mundoclown une diversión e formación ao incorporar o ’Formaclown’, que Francisco calificou coma ’a mellor escola de clown de toda Europa’. Nesta ocasión ofrécense en Vigo cinco cursos para todos os niveis e persoas. ’Antropoloxía do Movemento Cómico’ é a clase que impartirá Claudia Contin, coñecida coma a única arlecchino muller.

O prato forte será o curso ’Clown Workshop’ de Jango Edwards, que contará cunha tradutora a español e cun número máximo de alumnado de 25 prazas, que xa están cubertas. Jon Edwards é recoñecido internacionalmente coma un dos mellores clowns. No curso, cada quen deberá descubrir a súa peculariedade cómica a través de xogos, actividades físicas, improvisacións e performances.

O cuarto curso estará impartido pola licenciada en mimodrama Blanca del Barrio; e as clases de ’Iniciación ao Clown’ serán mestradas polo murciano Antón Valén. A inscrición unicamente se pode facer na páxina www.festiclown.org.

Os vigueses poderán participar tamén das mostras lúdicas, por exemplo, emitindo o seu voto no Certame Intergaláctico de compañías clowns.

O Maraclown converterá as rúas nun escenario máis, promovendo espazos de comunicación entre os artistas e o público. O Maraclown rematará cunha gala solidaria o 3 de agosto na Praza da Constitución. Os fondos recadados irán para proxectos sociais. A gala homenaxe a Carlo Colombaioni tómase coma o elemento central deste Mundoclown. Este artista italiano, finado o pasado mes de maio, foi mentor de moitas compañías e espectáculos galegos e internacionais. Ademais considéraselle o padriño do Festiclown. Amigos e clowns profesionais de Carlo actuarán en lembranza do artista.

Contenido patrocinado

stats