A descuberta das pegadas borradas da cidade
VIGO
Xavier Castro impartirá un curso sobre a memoria dos vigueses na UNED e falará de cafés e tabernas xa desaparecidos
Baixo o título "O Vigo literario de Alberto Casal", Xavier Castro desenvolverá un curso na sede da UNED en San Vicente: "Interésame a vida cotiá da época contemporánea de Galicia, centrada nos dous últimos séculos desta cidade, nas historias da xente corrente que non sae mencionada nos libros de Historia", apuntou o historiador e catedrático na Universidade de Santiago de Compostela. A recente morte de Alberto Casal propiciou o nome do curso a modo de homenaxe: "Está moi vivo no recordo, é unha metáfora da vida cultural de Vigo, a popular, a artística e a literaria".
Interésalle especialmente o mundo das tabernas como o Encantiño, O Elixio ou dos cafés, núcleos de tertulia (o Suizo, o Derby e o Suevia), moitos deles xa desaparecidos ata da memoria colectiva: "As cidades en xeral e Vigo en especial borraron as pegadas do seu pasado, eliminando a arquitectura e os cafés, que na maioría foron sustituidos por oficinas bancarias". Xavier Castro busca involucrar aos asistentes na reconstrucción da propia historia a traveso das súas experiencias ou das lembranzas dos seus: "Faremos percorridos guiados, visitando os vestixios desa historia, recuperando ambientes e descubrindo placas". Temas específicos como a muller viguesa, a sociedade ou os costumes de Vigo centraran o curso, dando explicación a moitas situacións coetáneas: "Na orixe contemporánea desta cidade únense a burguesía catalana pouco interesada en integrarse, nen seguera a nivel residencial, xa que construiron auténticos palacetes modernistas no Areal; por outro lado, decántase a presión inmigrante ourensá", apuntou Castro, que sinalou un magma sen ligar que fixo de Vigo "un espello roto, un lugar difícil, onde a xente tarda en sentirse de aquí".n
Contenido patrocinado
También te puede interesar