A Deputación anima a emprender coa nova edición de Coworking

Publicado: 21 abr 2023 - 00:00 Actualizado: 21 abr 2023 - 00:00

A presidenta Carmela Silva e Javier Benito, na inauguración do Coworking.
A presidenta Carmela Silva e Javier Benito, na inauguración do Coworking.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o director de proxectos da Escuela de Organización Industrial (EOI), Javier Benito, asistiron na sede da Deputación en Vigo á apertura do coworking que promoven ambas institucións e que se desenvolverá en Vigo, Tui e Silleda. Un grupo de persoas autónomas e emprendedoras de Baiona, Marín, Mos, Redondela, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui e Vigo participan ata finais de xuño nunha serie de actividades coas que se dotarán de todas as ferramentas necesarias para fomentar os seus proxectos empresariais, en fase temperá de desenvolvemento ou de recente creación. Na sesión de apertura xa puideron participar nun café networking e nunha sesión grupal co emprego da metodoloxía Lego Serious Play.

A presidenta Carmela Silva puxo en valor as experiencias da EOI, coa que a Deputación xa puxo en marcha outras edicións deste programa entre 2017 e 2021, “porque temos conciencia de canta xente emprendedora, e particularmente de cantas mulleres, temos nesta provincia” e subliñou “a relación empática, colaboradora e con obxectivos comúns que mantemos”.

Pola súa banda, o director de proxectos da EOI, Javier Benito, animou aos participantes a que aproveiten as oportunidades, as clases e as titorías co profesorado: “Espremédeo ao máximo, sacádelle todo o xugo posible e contádelle as vosas ideas porque contar con elas e eles, que son grandes profesionais, fai que este coworking sexa moi interesante para vós”.

Contenido patrocinado

stats