“A covid persistente pode acelerar patoloxías como a demencia”
A doutora galega Sonia Villapol, que presentou en Vigo o libro “A ciencia que nos rescatou da pandemia”, advirte sobre esta doenza, da que aínda se investigan as causas
Sonia Villapol, neurocientífica e profesora galega afincada en Houston, presentou esta semana en Vigo o seu libro “Consciencia. A ciencia que nos rescatou da pandemia”, unha obra na que recompila os sucesos acontecidos durante a etapa máis dura da pandemia e divulga sobre os avances científicos que permitiron superala.
A día de hoxe, tras formar parte dun grupo de investigación internacional sobre a covid formado pouco despois da declaración da pandemia por parte da OMS, o seu traballo céntrase nos efectos secundarios desta nova enfermidade, en concreto da covid persistente, sobre a que lanza unha seria advertencia: “É a herdanza que nos deixou a pandemia e ademais agora mesmo non ten unha cura inmediata”.
En declaracións a este xornal, Sonia Villapol aclara que a día de hoxe, tres anos despois da aparición en China da doenza que rematou estendéndose por todo o globo, aínda non se esclareceron as causas da covid persistente: “Pode ser autoinmunidade, os cambios da microbiota ou a reactivación doutros virus que temos silentes no noso corpo”. O feito de que non se coñeza que é o que desencadea esta enfermidade fai que os tratamentos que se utilizan para tratala sexan soamente en función dos síntomas que presenta o paciente. “Aplícanse as medicacións que hai para doenzas similares”, aclara a doutora galega, polo que a eficacia destas é limitada ao non tratar o problema de raíz, senón reaccionando aos síntomas.
Villapol indica que, hoxe en día, os esforzos investigadores deben ir cara ao esclarecemento das causas desta covid persistente, sobre todo polos efectos a longo prazo que poden causar aos pacientes: “Estamos estudando que pode causar dexeneración a nivel nervioso e incluso acelerar outras patoloxías como a demencia”, explica.
No libro que presentou na librería Cartabón, esta doutora afincada en Houston fala, ademais da covid persistente, de temas como as investigacións que “axudaron a protexernos e curarnos”, de saúde mental ou de avances científicos que facilitarán o tratamento doutras enfermidades máis rapidamente no futuro. “Para min era unha necesidade que, despois de todo o que se investigou a causa da pandemia, facer xustiza con unha homenaxe á ciencia que nos salvou”, explica orgullosa.
A lentitude na comunicación, o grande erro da pandemia
Sonia Villapol teno claro: un dos grandes erros cometidos durante os primeiros meses da pandemia foi a lentitude á hora de comunicar as evidencias científicas. “Penso que había bastantes evidencias para comunicar á sociedade por parte de organismos como a OMS que o virus transmitíase polo aire e que as desinfeccións de superficies non evitaban os contaxios”, indica, engadindo que “a OMS tardou un ano e medio en recoñecer que o virus transmitíase por aerosois”, impedindo así preparar antes os edificios con mellores sistemas de filtración.
A doutora galega reflexiona tamén sobre o aprendido durante estes anos: “Son optimista no campo dos avances científicos, grazas ao impulso que se deu a causa da covid poderemos avanzar no tratamento doutras enfermidades”. Un exemplo disto atópase no propio laboratorio no que traballa Villapol, no que están a aprender a utilizar a nanomedicina para tratamentos contra doenzas neurolóxicas como os ictus.
Villapol gabou tamén á sociedade galega pola súa actitude ante a vacinación: “As taxas foron moi altas e iso é un sinal de que hai un respecto e unha confianza na investigación científica pese a toda a desinformación”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar