Coren conmemora o Día de Galicia cunha lámina da artista Laura Suárez
A ilustración chegará dun xeito gratuíto entre as páxinas de Atlántico
Coren celebrará o Día de Galicia coa distribución dunha obra ilustrada que pon o foco no campo, nas tradicións e nas familias vinculadas á cooperativa. O traballo, asinado pola artista galega Laura Suárez, chegará gratuitamente mañá aos lectores como encarte entre as páxinas de Atántico.
Baixo o lema “Esta é a nosa terra. Hoxe celebrámola!”, a composición debuxa unha Galicia construída a partir das persoas, paisaxes e actividades que forman parte da vida cotiá no agro. No mapa aparecen os prados e os montes, as fontes e os ríos, as leiras de millo, os hórreos, os currais ou os soutos.
A ilustración percorre así distintos escenarios recoñecibles da paisaxe galega, desde as aldeas e explotacións ata os espazos naturais nos que se desenvolve boa parte da actividade agraria. Cada elemento funciona como unha pequena referencia ao traballo, aos costumes e aos recursos que durante xeracións marcaron a vida no campo.
Tecido humano e produtivoo
A imaxe reserva tamén un espazo destacado para as familias que traballan e coidan a terra cada día. Deste xeito, a proposta non se limita a reproducir a xeografía galega, senón que procura representar o tecido humano e produtivo que mantén vivo o medio rural e garante a elaboración de alimentos.
Orgullo
“As familias que formamos Coren estamos no corazón desta terra e levamos, desde aquí, o mellor de Galicia ao mundo”, sinala a mensaxe incluída na publicación. A entidade reivindica así o orgullo de pertencer ao agro e a contribución das sucesivas xeracións á conservación da identidade e dos saberes tradicionais.
O formato en papel elixido permitirá que a obra poida conservarse máis alá da propia celebración. O deseño combina a mensaxe institucional cunha representación visual concibida como recoñecemento ás persoas, aos animais e ás paisaxes que forman parte do día a día da produción agroalimentaria.
Contenido patrocinado
También te puede interesar