Os concursos literarios, unha canteira de escritores e poetas
O Ateneo Atlántico convoca a quinta edición do premio Exeria para relatos curtos, baixo o lema “Con Vigo na cabeza”
Os certames e concursos literarios xorden e moitos desaparecen. A súa convocatoria convértese nun auténtico estímulo para novos escritores que proban sorte, aínda que tamén hai autores especializados en percorrer os circuítos dos premios literarios. En Vigo, o Ateneo Atlántico vén de convocar a súa quinta edición, dotado con 1.500 euros. Onte abriuse o prazo para a entrega de exemplares que se prolongará ata o 1 de maio, nesta ocasión baixo o lema “Con Vigo na cabeza”.
Fran Fernández Davila gañou a edición pasada, e a súa muller, Sole García Rivero, quedou finalista. Aínda que ambos teñen xa varios libros publicados e participan de cotío en concursos, non exercen de matrimonio literario, xa que non acostuman a escribir xuntos. “Levamos 33 anos xuntos e eu comecei cos relatos pouco a pouco por afección, despois foi meténdose ela. O certo é que nos diriximos a públicos distintos”, explica Davila, que é un habitual en las convocatorias literarias, ás que considera “unha motivación para escribir, sobre todo os que traballamos e poderíamos facer calquera outra cousa”. Ten oito libros publicados con xéneros tan diversos desde a novela á poesía. “Gústame cambiar, creo que é un refresco para o maxín, a poesía axuda moito á narrativa; amais a miña única pretensión é pasalo ben”.
“O derradeiro alento do boi” foi o relato que se impuxo o Exeria 2004 e como gañador formará parte do xurado deste ano. “Para presentar unha obra a un premio tenme que ter convencido que é o máximo que pode facer con respecto á linguaxe, á historia e aos personaxes”.
No caso da súa partener, Sole García comezou a escribir hai tres anos, no que sacou o seu primeiro libro. Xa leva quince publicacións individuais e catorce colectivas tanto de literatura infantil, xuvenil e de divulgación. “Comecei cando a miña nena quixo converterse en serea, escribín unha historia sobre a diversidade que servise para nenos de entre 2 a 6 anos”. A recuperación do mosaico romano de Nigrán, a defensa dos garranos da Groba ou a promoción de Gondomar son algúns dos temas que lle inspiran a Sole, que sempre busca que as súas tramas estean acompañadas por unha mensaxe de compromiso social, a prol da lingua ou visións medioambientais como os libros de peto de denuncia dos animais engaiolados ou da ameaza das abellas. “En Vigo doei nalgúns colexios un libro ilustrado con materiais de refugallo que convidaba a dar unha nova vida aos cans e gatos do refuxio. Nun ano as adopcións pasaron de 90 a 294. Ante este éxito, en abril sacaremos a segunda edición”. Pese a ter un palmarés cheo de recoñecementos, asegura que gañar sempre é unha satisfacción. “Agora teño selo propio, Solaina, e cada premio literario que gaño invístoo na seguinte publicación”.
Nones Araujo foi a primeira en obter o Premio Exeria. “Foi unha ilusión moi grande. Como formo parte do Ateneo, a entidade organizadora, presenteime de xeito anónimo, ata me fixen un correo novo”. Na edición debutante o tema eran os carteis, polo que escribiu un microrrelato inspirado na medianeira de Lula Goce na Florida. “Falábase moito do primeiro matrimonio de mulleres en Galicia, Elisa e Marcela, e así saíu 'Dúas mozas”. Non foi a única distinción que recibiu pola súa narrativa. “Para min escribir é un pasatempo da miña xubilación, o primeiro premio déronmo na Ribeira Sacra, por un microrrelato de 200 palabras. Foi marabilloso! Realmente é moi difícil contar unha historia cun final sorpresivo en tan pouco espazo”.
Xabier Paz presidíu o xurado en varias convocatorias. “Somos cinco persoas, polo que a valoración depende moito dos gustos de cada un, aínda que o primeiro que vemos é que se axuste ás bases do premio, son fundamentais”. Ten que estar mecanografado con letra tipo 12 e a dobre espazo, terá unha extensión máxima de 5.000 caracteres, incluídos os espazos e o título. “Debe ser un escrito orixinal, que consiga manter a a atención e economizar os medios dun relato curto”. Na última edición do Exeria presentáronse en torno a 30 aspirantes. “Hai moitas convocatorias no país, son iniciativas doadas de organizar”.
Xulio Abalde e Helena Pousa, representantes das entidades organizadoras, o Ateneo Atlántico e a Fundación Xoán Piñeiro, fan fincapé no compromiso coa cultura que implica este premio. “O balance das primeiras edicións é moi positivo tanto pola calidade como polo recoñecemento recibido”, sinala Abalde. Pola súa banda, Pousa engade que “é unha festa da cultura e da escrita en galego. Temos vocación de cidade e de defensa da lingua”.
O Premio Exeria leva por nome o da primeira escritora galega coñecida de finais do século IV, quen tamén foi a primeira peregrina da Galaecia.
De Exeria a Vigo Histórico e ao certame do Museo Liste
O Erexia non é a única aposta polos autores noveles. O Certame Vigo Histórico é unha das citas xa habituais dos escritores de concurso. A última edición, convocada en abril de 2024, estaba dotada con 1.000 euros, lote de libros, publicación en antoloxía e dous exemplares; o segundo premio, de 500 euros e os accésit, de 200. A que será a súa décimo segundo premio está pendente de publicarse nuns meses. Acepta relatos tanto en galego como en castelán, a única condición é que a cidade de Vigo estea incluída no relato. Cos finalistas tamén publica un libro cada ano.
Dirixida aos escolares de Primaria e de Secundaria, o Museo Liste ten o seu propio concurso, que este ano cumprirá a súa décimo terceira edición dentro da celebración das Letras Galegas. Baixo o lema “Érase unha vez alguén que facía...” propón temas no máxico mundo da habelencia dos oficios tradicionais. A capacidade de crear obxectos que dotan á sociedade de todo o que precisa, converterá case en magos aos artesáns que protagonicen os relatos.
O prazo para a entrega dos escritos finaliza o 21 de abril. A entrega terá lugar o 17 de maio, “Día das Letras Galegas”, a partir das 12:30 horas na sede do museo, na rúa Pastora.
Contenido patrocinado
También te puede interesar