Concerto gratuito no Auditorio polas Letras de Caamaño

O concerto estará liderado pola cantante Uxía Senlle, que definiu a proposta como “unha festa da vida e da amizade”

Caamaño, Senlle, Caballero, Álvarez e Amoedo, onte na presentación.
Caamaño, Senlle, Caballero, Álvarez e Amoedo, onte na presentación. | Atlántico

O Auditorio Mar de Vigo acollerá o vindeiro 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas, un concerto especial, con entrada libre, organizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración co Concello para homenaxear a escritora e xornalista viguesa Begoña Caamaño, protagonista das Letras 2026.

A presentación onte contou coa participación do alcalde Caballero e da presidenta do Consello, Rosario Álvarez, quen destacou o forte vínculo da autora coa cidade, onde naceu e iniciou a súa traxectoria. Álvarez subliñou tamén o carácter comprometido dunha figura clave para o feminismo, o xornalismo en galego e a cultura contemporánea.

O concerto estará liderado pola cantante Uxía Senlle, que definiu a proposta como “unha festa da vida e da amizade”. O espectáculo ofrecerá música, literatura e creación audiovisual, con pezas inspiradas en obras como “Circe ou o pracer do azul” e “Morgana en Esmelle”, dentro do proxecto “Indómitas, nove ondas a Begoña Caamaño”.

Acompañada dunha banda de recoñecidos músicos e con colaboracións sorpresa, Uxía aposta por unha proposta con forte presenza feminina e espírito colectivo. A ilustración de Leandro Lamas e o traballo visual de Viki Rivadulla completarán unha experiencia artística que busca emocionar e reivindicar o legado da autora.

Contenido patrocinado

stats