“Como actor triunfar en Galicia é unha desgracia, todo o que creamos, logo o matamos”
ANTONIO DURÁN, “MORRIS” Actor vigués
Antonio Segundo Durán Moreiras (Vigo, 1959) , máis coñecido como Morris, é un dos actores galegos con maior sona a nivel nacional. Co gallo da presentación da súa nova película visitou o set de Atlántico TV para falar do momento que está a vivir.
Non para con tanta promoción, cine, teatro. Como o leva?
Estamos rematando coa xira con “Shock 1” e “Shock 2” e ao tempo coa promoción de “Canallas”, que se rodou hai dous anos pero que lle deu moito traballo, tivo unha montaxe moi longa. É unha película moi especial porque nos mesturamos profesionais con actores non profesionais; conta a vida de Joaquín, un vello colega de Dani Guzman, o director. Son trileiros da vida, gamberros. Eu fago de cómplice de Joaquín para vender a dentadura de Hitler.
Coma no teatro, o espectador demanda comedias no cine?
Fixen moita comedia e creo que é o xénero máis difícil dende o proceso inicial ao final, por iso en España cada vez se fai menos. Podes pasar de tentar facer gracia a ser patético en cuestión de segundos. Precisa moita enerxía, ser moi achegado e desprenderse dos trucos do oficio. Hai que ter gracia, moito poder de comunicación e tomar a moi en serio a comedia.
De feito agora está a abordar un xénero moi diferente no teatro.
Estou con “Shock 1” e “Shock 2”, un teatro documental que mostra a historia neoliberal do mundo, dende Margaret Thatcher á guerra de Irak. No 2, sete persoas facemos máis de coarenta personaxes, interactuando con pantallas. Un dos meus papeis é Carl Schmitt, un xurista achegado ao partido nazi, moi amigo de Tierno Galván. Nalgúns puntos o seu discurso semellábase a Podemos, os extremos sempre se tocan. Hai unha escea na que Boris Yeltsin di “se non hai unión de repúblicas socialistas non hai URSS; ata logo Mijail!”. Todo é moi recente. No “Shock 1”, todo é máis épico, dende o golpe de Pinochet á caída de Allende. Quedarán escritas con grandes letras na historia do teatro de España.
Amais iniciativas dende as táboas, presta a súa imaxe a causas como a reivindicación das familias do Pitanxo. Cree que a xente da Cultura debe involucrarse?
O que é importante é que esas pobres familias segan adiante e reivindiquen a búsqueda dos corpos. Nós poñemos cara a esa reivindicación para que sexa máis evidente porque a sociedade é así; o normal sería que non fixera falla que publicasen a nosa foto para tomalos en serio. Estamos para eso e para o contar enriba dos escenarios. Eu presido unha ONG, ‘A las cinco’; non fago nada, só poño a miña cara, os que traballan son outros, incluso ata é inxusto porque os que traballan desinteresadamente están detrás da cámara e non se sabe quen son.
Voltando pois ao ámbito artístico, cada vez hai máis nomes galegos no panorama internacional. É unha época dourada do audiovisual galego?
Houbo un punto de inflexión. Creouse unha industria moi potente coa TVG, cando o seu buque insignia eran as series e Xabarín; xurdiron grandes profesionais que medraron aí, pero chegou un momento que se quedou pequeno. Triunfar en Galicia é unha desgracia, agora é dificilísimo, xa non se fan dramáticos, todo o que creamos, logo o matamos. Non somos só actores, hai outros profesionais, grandes directores que se empezan a coñecer fora. “Fariña” foi o pistoletazo de saída polo xeito de traballar, polo acento, abriu unha espita importante, amosando a esa cultura do extrarradio, diferente á zona de Madrid. Moitos saíron un pouco forzados.
Canto cambiou o sector coa chegada do streaming?
Contan historias que antes non se contaban. Aínda así as plataformas son un arma de dobre filo. Fan moitas producións, xa tan rápido como unha xeneralista, pero non existe a cercanía, son series escritas dende a perspectiva da plataforma, con correccións que chegan dende EEUU. Amais acabamos traballando para 194 pasíses e cobrando como se traballásemos para un, porque os dereitos de imaxe non se pagan. Nunha xeneralista púlsase a impresión do espectador de xeito inmediato, nas plataformas non. Tes a sensación de ser un funcionario, en vez dun ser actor.
Hai moito ao que se adaptar como as webseries, formato no que acaba de ser premiado.
Si, por “Seguir hablando”, é unha produción onde todo o mundo lle gustaría ter participado. Cun presuposto mínimo, estiven con Manolo Solo, baixo a dirección de Álvaro Carmona. Gravamos entre un sábado e un domingo en Barcelona e chegamos ata os EMI, todo un logro.
Notan unha muda no xeito de consumir audiovisual?
Consúmese sobre todo online, baixase cousas para ver cando apetece. Vas comer e hai xente vendo series, tamén no tren ou no avión. Inflúe nos formatos, agora hai máis planos curtos porque saben que se consumen en aparatos pequenos.
Cando colleu as últimas vacacións?
Agora descubríronme fóra e non me soltan. Tiña tanto traballo en Galicia que me acomodei na miña zona de confort. Puiden saír cando “Airbag” como Zahera, pero quedei aquí. Logo veu Deus a verme porque con “Fariña” tiven un problema coa TVG e se me acabou o traballo en Galicia, tiven que buscarme a vida fóra. Estou contento, Santiago nen o piso, está cheo de choróns, subvencionados da miña época, persoas grises. Estou en cousas interesantes, agora teño unha película con Enrique Otero. Aínda que o certo é que non traballo aquí, non porque non queira, teño 62 anos e xa me custa moito andar coa maleta, pero a min practicamente me botaron. Ás veces é difícil explicalo na rúa, como me ven en cousas de fóra, pensan que xa paso do de aquí.
Pero Vigo nunca o deixa.
Nunca, teño unha relación de amor-odio moi forte con esta cidade. Se estou quince días seguidos, ódioa, pero se non, bótoa moito de menos. Non me mudei nin cando estaba en Santiago, aquelo me agobia, está toda a profesión, o Parlamento a televisión, o Centro Dramático, vaias onde vaias acabas falando do mesmo. Faste inimigo da xente sen a coñecer, só polo que conta. En Vigo encántame tomar un viño a diario cos amigos, e se teñen algo que ver coa cultura é que son músicos, porque esta cidade está chea de músicos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último