A colección de serigrafía que democratizou a arte galega

A EMAO acolle a exposición de 44 pezas elaboradas por 19 artistas, con orixinais de Castelao, Laxeiro, Seoane ou Lugrís

A colección de serigrafía que democratizou a arte galega

A Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo acolle a exposición “Serigrafía Galega 1971”, que recupera unha das iniciativas máis singulares da cultura galega do século XX. O proxecto, impulsado polos irmáns Álvarez Blázquez, fixo posible, en plena ditadura, achegar a arte galega ao gran público gracias a copias a un precio fixo.

A mostra reúne 44 serigrafías de 19 artistas, consideradas a primeira colección deste tipo realizada en Galicia. Tal e como explica a comisaria Carmen Varela, trátase dun proxecto “tremendamente rompedor” no seu tempo, que naceu case en paralelo a movementos internacionais e que supuxo a posta en circulación dunha nova forma de entender a creación artística.

A colección, conservada no arquivo de Antón Beiras e Antía Cal, complétase con materiais editoriais das casas Monterrey e Castrelos, así como con documentación persoal e pezas achegadas pola propia familia Álvarez Blázquez. Entre elas destacan elementos tan singulares como o libro de sinaturas das exposicións orixinais ou serigrafías que non chegaron a ver a luz por mor da censura.

Un dos aspectos máis destacados foi a decisión de comercializar todas as obras ao mesmo prezo, independentemente do prestixio dos artistas. A colección reunía autores consagrados xunto a creadores novos, cunha ampla diversidade de estilos e xeracións. Para Varela, esta elección revela unha clara vontade de “poñer en circulación arte moi nova” e de favorecer o acceso do público a obras que, doutro xeito, quedarían fóra do seu alcance.

Varela destaca que a exposición permite “ver a colección tal e como foi gardada no arquivo”, respectando a súa condición orixinal e documental. Segundo explica, o valor principal da mostra reside en recuperar non só as obras, senón tamén o seu contexto material e histórico, desde os catálogos ata os documentos asociados á súa difusión. “Cada peza fala tamén do modo en que foi pensada, distribuída e conservada”, subliña Varela.

A colección reúne obras de António Quesada, con paisaxes simbólicas e oníricas; Xulio Maside, centrado na maternidade desde unha linguaxe de mancha e cor; Isaac Díaz Pardo, con pezas de forte diálogo conceptual; Alberto Datas, próximo á abstracción; Ignacio Sesto Novas, que introduce composicións musicais e figurativas de raíz expresiva; María Antonia Dans, cunha mirada ao mundo rural galego e ao traballo das mulleres no campo; Rafael Alonso, entre a paisaxe lírica e a natureza en floración; Agustín Pérez Bellas, cunha visión melancólica do envellecemento e o rural; e Laxeiro, cunha proposta de forte intensidade expresiva e carácter abstracto. Xunto a eles aparecen tamén outras achegas de autores como Virxilio, Luis Seoane, Mercedes Ruibal, Prego, Xaime Quesada, Ventura Cores ou Álvarez de Dios, que completan unha colección diversa en estilos, xeracións e linguaxes, desde o figurativo máis narrativo ata a experimentación formal e cromática.

A exposición permite tamén descubrir a dimensión editorial do proxecto, especialmente a través da colección “O Moucho”, coa que distribuiron miles de libros en galego. Pequenos e económicos, chegaron a venderse en 220 puntos de venda en Galicia.

Contenido patrocinado

stats