Coia esixe unha xunta de distrito para atender as súas necesidades
A asociación A Curva de San Gregorio reivindica a memoria da parroquia histórica e a integración no novo ordenamento
“Vigo como concello non é só a Porta do Sol, non pode ser que para arranxar unha farola teñamos que agardar tres anos e para renovar unha baldosa rota haxa que afrontar un percorrido burocrático interminable”. Ángel Vila, o presidente da asociación A Curva de San Gregorio, considera urxente unha reformulación da organización da cidade para facer máis efectiva a xestión municipal.
“No que sería a Coia histórica conta cuns 80.000 residentes nos seus once barrios que chegaban a Peniche e a Picacho, collendo toda Beiramar; é unha entidade moi potente que merece unha xunta de distrito ou un concelleiro de barrio que atenda as súas necesidades. Se lles enche moito a boca falando da Avenida Castelao, pero Coia tamén é a rúa Marín”.
Critica as medidas de centralización municipal a través do servizo 010, “con elo buscan que perda forza o movemento veciñal, amais de dividirnos porque en Coia non ten sentido que haxa ata seis asociacións diferentes”. Trala pandemia, o número de asociados baixou dos terzos.
Nacido no antigo barrio do Cruceiro, onde agora se sitúa a rotonda do ‘Alfageme’, Vila considera esencial recuperar a historia e a identidade da vella parroquia antes de que se perda e integrala no novo ordenamento. Así, comparte nos grupos de Facebook da asociación fotografías e descricións de lugares xa esquecidos pola maioría. “En Coia fixeron unha desfeita comezando pola toponimia; para atopar información tan só hai algunha publicación do Instituto de Estudos Vigueses, nos libros parroquiais e sobre todo nas fontes orais”.
Na estrutura actual destaca o mantemento de núcleos tradicionais como os barrios de Esturáns (no Chouzo), Figueirido (entre Florida e Coia) ou O Recío, onde, afirma, “hai un humidal sobre o que queren construír torres de vivendas”. Lembra que noutra época As Travesas era tan só un lugar entre Peniche e Quintela, que se transformou igual. A través das redes comparte imaxes daqueles espazos para os dar a coñecer.
Contenido patrocinado
También te puede interesar