A cidade dos tres nomes

O arqueólogo do Manuel Santos-Estévez (Vigo, 1968), investigador do Instituto de Ciencias do Patrimonio-CSIC, falará das distintas denominacións que se atribuyen a Vigo ao longo do tempo

Manuel Santos-Estévez, nunha charla sobre a arte rupestre, cun petroglifo de Campo Lameiro.
Manuel Santos-Estévez, nunha charla sobre a arte rupestre, cun petroglifo de Campo Lameiro.

Búrbida, Turonio e Vigo. Os tres nomes poderían ter denominado o mesmo asentamento ao longo do tempo. O Instituto de Estudios Vigueses invitou ao arqueólogo vigués, Manuel Santos-Estévez, investigador do CSIC, a disertar este xoves en Artes e Oficios sobre o tema coa charla “Cando Vigo entrou na historia. De Búrbida a Turonio”. Cada un dos termos corresponderíase a un período histórico moi concreto, onde a poboación tería un peso importante na súa contorna.

“A palabra Búrbida non é romana, polo que os arqueólogos creen que podería corresponderse co Castro vigués”. Só se atopou unha mención a este topónimo, no Itinerario de Antonino, do que a copia máis antiga que se conserva é do século XVIII. “Di que estaba a 16 millas de Tui, en dirección con Caldas, pola calzada romana, iso coincide coas distancias de Vigo”, sinala o arqueólogo, que fai fincapé no tamaño do poboado vigués, “o segundo maior de Galicia, só por detrás de Santa Trega”, e destaca que das 15 hectáreas que ocupou, só están escavadas entre o 2 e o 3 por cento.

Con datos que se coñecen, Santos considera que podería tratarse da capital do pobo dos Selenos. “Os lingüistas apuntan a que estaría relacionado coa presenza de mananciais, sendo da familia de verbas como burbulla ou borbola, e para as sociedades antigas, os lugares con auga achegábaselle un carácter sagrado, ao tempo que os centros de poder político acostumaban coincidir cos relixiosos”. Pero nas súas pesquisas, o arqueólogo sube un chanzo máis e establece unha relación entre o asentamento vigués co santuario celta de Berobreo, no Morrazo. “O 1 de maio e o 1 de agosto, festas importantes no calendario celta, dende o Castro o sol ponse polo Facho de Donón, penso que esa alienación astronómica que vincula as dúas sedes non é casual”. Teoría que, según afirma, podería avalar outra coincidencia máis: “Antes de ser un santuario, Donón foi un castro poboado ata o século II, en que foi abandonado, ao mesmo tempo que se funda o de Vigo”.

Recoñece que son especulacións, fundadas en comparativas con outras poboacións. “Para acadar probas materiais habería que escavar máis, aínda que de tódolos xeitos, a croa dos castros é o lugar estratéxico onde habería probas dese carácter relixioso e no caso de Vigo, construíuse unha fortaleza que tería destruído tódolos indicios”. A menos que se reutilizasen as pedras ou que estas foran desprazadas, “algo que se detectaría cunha escavación”, insiste.

Outra incógnita é como se adaptou a residencia unha vez chegados os romanos. “Cremos que tamén estaba habitada a zona exterior do Castro, pero descoñecemos se isto continuou; si que houbo unha convivencia entre o poboado castrexo e a cidade romana, máis pegada á costa, entre Areal e o actual Casco Vello”.

Preguntado sobre o posible evoluír no topónimo O Berbés, tamén de orixe descoñecida, non o desbota. “Non hai nada claro sobre o xurdimento desta palabra, de seguro sexa de orixe prelatino; ao descoñecer o significado é moi complicado de investigar”.

O seguinte topónimo, Turonio, aparece en varios documentos a partir do século V. Aínda que non se ten a certeza de que sexa Vigo, deféndese como a opción máis probable. “Sabemos que estaba na costa, dentro da diocese de Tui, e xa daquela hai constancia que o actual Vigo era o porto máis importante da zona; amais, dicían que esta perto de Celesantes, que tal e como se acordou, semella tratarse de Cesantes”. A orixe do termo pode relacionarse coa raíz Tur, vencellado co carácter defensivo. “Aparece en moitos documentos, ata século VII designa a un lugar concreto, despois desaparece e localízase outra vez no século X en referencia a toda a comarca ao sur de Pontevedra. Non se sabe a que foi debido, pero se especula que pode estar relacionado coa decadencia das cidades sufrida na Alta Idade Media”.

Finalmente, nun documento do século XI aparece por primeira vez o nome de Vigo. “Resulta estrano que no parroquial suevo, onde se mencionan tódolos templos de Galicia do século VI, non se nomea ningunha viguesa, pero si de Turonio, cando sabemos que era una praza importante e que nesa época existían dúas igrexas, unha que estaría nos terreos de castelo de San Sebastián, a medio camiño entre as dúas zonas poboadas; e outra, no Areal, á altura da actual sede de Abanca. O Padre Sarmiento sinalaba o antigo Santiago de Vigo, xa abandonado no século XVIII, que entón estaría entre rúa Ecuador e Praza Elíptica”.

En “Búrbida. As orixes de Vigo (2020), Santos-Estévez apunta á decadencia e á desintegración das estruturas romanas, a razón do espallamento da poboación polo Val do Fragoso na Idade Media nunha sociedade máis rural, no intre en que aparece o nome de Vigo, ligado ao Casco Vello. “Pode que xurdirá do termo vicus ou que directamente aparecese como Vigo, un caso semellante ao que aconteceu con Vic, en Cataluña”. Así, esta podería ser a cidade dos tres nomes: o actual, Vigo; o máis antigo, Búrbida, no que “hai pouco cuestionamento” e Turonio, “é máis dubidoso, pero sería a única explicación da ausencia no parroquial suevo”.

Con todo, o arqueólogo sinala que “na historia das cidades tendemos a pensar que tiveron o mesmo nome sempre, é o caso de Lugo, Ourense ou Braga; pero o normal é o contrario, que cambiasen de denominación ao longo do tempo, como Coruña, que foi primeiro Brigantium e cos romanos, Faro. Temos un listado de cidades que existiron e ninguén sabe onde están e por outro lado, hainas das que non sabemos como se chamaban antes como é o caso de Pontevedra”. Así, Santos, que apunta Pontus Veteris como unha posible orixe, lembra que, ao contrario do defendido durante anos, a cidade do Lérez non ten pasado romano. “O único que se atopou foi un miliario, xunto a 180 fragmentos de cerámica, era unha zona pantanosa que probablemente non fora poboada ata a Idade Media, porque tampouco hai castros”.

Para o investigador, o condicionamento a relacionar ás capitais de provincia e eclesiásticas cos asentamentos históricos propiciou prexuízos sen fundamento como que Vigo carece de historia, un estereotipo iniciado no XIX. “Hai pouco escoitei nun programa que no XVII Cangas e Redondela eran de maior tamaño que Vigo, iso é radicalmente falso; daquela só Baiona tiña máis veciños; demóstrao que a monarquía construíse a fortificación aquí”.

Contenido patrocinado

stats