O CHUVI implantará unha vía rápida de detección de cancro de pulmón
O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) implantará antes de que finalice o ano unha vía rápida de detección de cancro de pulmón, que permitirá, en colaboración co sistema de Atención Primaria, mellorar os tempos de espera tanto diagnósticos como terapéuticos.
Será a terceira vía rápida de detección precoz de cancro implantado na área sanitaria viguesa despois do desenvolvemento previo das de mama e colon, e permitirá o acceso directo á unidade de exploración sen a necesidade de pasar polo especialista, informou unha nota do Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Grazas a esta iniciativa, o paciente con sospeita de patoloxía de pulmón será derivado directamente á unidade de cancro correspondente onde se lle realizará, no mesmo día, a exploración médica e todas as probas diagnósticas necesarias sen necesidade de ingreso hospitalario.
No prazo de oito a dez días, os pacientes terán un diagnóstico e recibirán unha indicación terapéutica, precisa a nota do Sergas.
O CHUVI rexistra aproximadamente 200 novos casos anuais de pacientes con cancro de pulmón, cuxa taxa de mortalidade é alta, segundo o criterio dos especialistas, porque se adoita detectar en estadios avanzados.
O Sergas remite a varios estudos que avalan que cun diagnóstico precoz a taxa de supervivencia mellora substancialmente, ao punto de atinxir índices de curación de até 70 por cento.
O tabaco é un dos factores de risco máis prevalentes, xa que 95% dos pacientes son ou foron fumadores.
As estatísticas reflicten que 75 por cento son homes, aínda que nos últimos dez anos se triplicaron os casos de cancro de pulmón na poboación feminina da área sanitaria de Vigo.
Con motivo da recente celebración do Día Mundial do Cancro de Pulmón, o Grupo Galego de Cancro de Pulmón, en colaboración coa Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria, organizará nesta fin de semana as III Xornadas Multidisciplinares de Actualización en Cancro de Pulmón.
Ao encontro acudirán un centenar de expertos de diversas especialidades como pneumólogos, radiólogos, oncólogos, patólogos, radioterapeutas ou cirurxiáns torácicos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar