Chegan 29 funcións de teatro, danza, música, maxia e circo

Tras esta primeira cita, o resto da programación desenvolverase no Auditorio Municipal

Unha das propostas para este primeiro semestre do ano.
Unha das propostas para este primeiro semestre do ano.

A Rede Galega de Teatros contribúe á oferta cultural de Vigo (o programa municipal Vigocultura) neste primeiro semestre con 29 funcións con propostas de teatro, danza, música, maxia e circo cofinanciadas pola Xunta. A programación ábrese hoxe co espectáculo ao aire libre Hexagonum, que terá lugar desde 20 horas entre o Paseo de Alfonso e a rúa do Príncipe. Trátase dunha proposta escénica na que a compañía galega Troula mestura tecnoloxía, música e vídeo en directo, animación e danza. 

Tras esta primeira cita da nova carteleira da Rede na cidade, o resto da programación desenvolverase no Auditorio Municipal con 14 propostas de teatro galego, cinco obras de compañías nacionais, tres espectáculos de danza, dous de circo, un de maxia e dous concertos.

As oportunidades para gozar da escena en familia protagonizan dez das citas deste calendario semestral, que continuará en febreiro con tres espectáculos: o día 9, Castelao, de Culturactiva, achéganos ao humor na obra do inmortal autor de Rianxo; o 16, a compañía catalá La Menuda propón unha sesión de música para a cativada en Madame Lumière e o 23 chegará desde Salamanca Katua&Galea Teatro cunha reinterpretación dos contos clásicos en La bruja rechinadientes.

A axenda de marzo propón catro espectáculos para este mesmo perfil de público da man de Xampatito Pato e o seu circo Compaña o día 2, a compañía vasca Anita Maravillas & Portal 71 chega a Vigo para representar “La maestra” o día 9, Galitoon o 16 cun relato de humor e emocións arredor da historia de Rosalía, a pulga que escribía e Píscore o 23 con Molto Barroco, unha premiada montaxe que transita entre o teatro, a música antiga, a comedia e a participación do público. Xa en abril, o programa reserva tres funcións familiares que comezarán o día 6 coa montaxe de teatro e monicreques Nanai da China, de Pérez&Fernández. O 13 o Mago Teto desembarca no auditorio vigués co seu espectáculo Rock and Magic e o 27 a cita será co Circo Chosco e a mestura de teatro, humor e piruetas da súa peza Oh-Pera!.

O público adulto poderá gozar co teatro galego recente con montaxes como “As gardiás”, a última aposta de Teatro de Ningures, que subirá ás táboas os días 7 e 8 de febreiro para facer reflexionar sobre os coidados. O día 14 NegroLópez estrea en Vigo “Influencers”, o 15 Berrobambán mostrará a vida das Mulleres que viven soas, mentres ButacaZero regresa á cidade coa exitosa Iribarne os días 21 e 22.

En marzo a axenda comeza con humor: a stand up comedy en clave galega que propón O monólogo de David Perdomo o día 1. O 14 chegarán As R(h)umorosas, de Etiqueta Negra Producciones, cunha mestura de monólogos e divertidos sketches arredor de grandes mulleres da Historia galega. O mes rematará con Testosterona, a última estrea de Malasombra Producións sobre desigualdade laboral, o día 21. As funcións continúan en abril con As desterradas, a historia de resistencia feminina que presentará o día 4 Producións Teatráis Excéntricas; e Reconversión, de Ibuprofeno Teatro os días 11 e 12.

Contenido patrocinado

stats