‘O Cavaleiro das Cunchas’, a lenda xacobea que se sitúa na costa de Vigo

Esta lenda-milagre bosquexa a posibilidade de que Bouzas teña sido o primeiro porto galego e español en ter contacto cos restos do Apóstolo Santiago antes de chegar ao seu destino en Compostela. Alén diso, tamén ofrece unha explicación da orixe da cuncha de vieira como símbolo universal do mundo xacobeo

‘O Cavaleiro das Cunchas’
‘O Cavaleiro das Cunchas’ | Atlántico

A orixe do símbolo xacobeo da vieira podería agocharse nunha antiga lenda que aínda se recorda na antiga vila mariñeira de Bouzas, hoxe barrio pertencente ao concello de Vigo. Unha ruta marítima lembra tamén a milagre, que tería ocorrido durante a Traslatio.

A historia deste lendario cabaleiro, ‘O Cavaleiro das Cunchas’, está recollida no libro “El caballero de Bouzas. Un héroe olvidado en la ruta del Apóstol a Galicia”, de Paulino Freire Gestoso, editado en 2006 pola Confraría do Santísimo Cristo dos Aflixidos de Bouzas. Nesta obra, analízanse documentos gráficos e literarios, como as “120 Leyendas Gallegas” de Carré, “Los Anales del Reyno de Galicia” ou a táboa do “Chevalier des Coquilles”.

Segundo este relato, a un lugar chamado Bouzas achegáronse dúas importantes familias para festexar unha voda, ao ser o punto intermedio entre os lugares de orixe de ambas as dúas. Así, a do noivo procedía de Gaia, no Reino de Portugal, mentres que a da noiva viña de Amaia, no Reino de Galicia, donde tiñan terras e importantes posesións neste recuncho da ría de Vigo.

Unha das diversións da celebración consistía en ‘abofardar’, un xogo de señores nos que se lanzaban ‘bofardas’ ou lanzas ao aire mentres montaban a cabalo, para recollelas ao galope antes de que caísen ao chan.

O noivo tivo o mal fado de que a súa se perdera no mar. No seu intento desesperado por recollela, afundiuse na auga co seu cabalo e desapareceu.

Ao mesmo tempo, polo lugar pasou unha barca e, cando xa se daba por morto ao malpocado, o cabaleiro aboiou milagrosamente, coas súas roupas e o seu cabalo cubertos de cunchas de vieiras.

El, atónito por este feitos, dirixiu a súa mirada ao tripulantes da nave, que, emocionados, alzaron os seus ollos ao ceo exclamando que fora Xesucristo quen obrara a milagre para manifestar o seu poder nesas terras e na honra do seu vasalo, que levaban na súa embarcación para lle buscar un lugar onde lle dar cristián enterramento. “Noso señor Xesucristo quixo mostrar, a través túa, aos presentes e aos futuros, que quen a este vasalo queira amar e servir, deberán ir visitalo onde sexa enterrado levando cunchas coma esas das que ti estás cuberto, como selo de privilexio. El, a cambio, ofreceralles que no Día do Xuízo Final sexan recoñecidos por Deus como vasalos seus e, pola honra que lle fixeron ao seu vasalo e amigo Santiago ao visitalo e reverencialo, os resucitará na súa Santa Gloria e Paraíso”, proclamaron os ocupantes da embarcación.

Despois de escoitar aos discípulos de Santiago, o cabaleiro pediu que o bautizasen e regresou á praia, onde comentou aos presentes o ocurrido.

Esta milagre acadou unha gran popularidade en diversos puntos de Europa na Baixa Idade Media, cando se localizan as primeiras fontes que o narran en distintas versións. Un dos testemuños máis antigos atópase nunha fermosa táboa de 1441 atribuída ao pintor Giovenale Johanilis de Orvieto para o retablo de Santiago da igrexa romana de Santa María de Araceli, que se conserva no Museo Cívico de Camerino, Italia. Tamén está representado nun relevo da fachada do Tesouro da Catedral de Santiago de Compostela, deseñada en 1540. A primeira referencia escrita conservada é de novo do século XV. Aparece nun pergamiño de 1443 do mosteiro portugués de Alcobaça, que se sitúa a historia precisamente no lugar de Bouzas.

Contenido patrocinado

stats