A Cátedra de Feminismos 4.0 lanza “Stop Machitroles”

Trátase dun Observatorio de Machismo Dixital froito da colaboración entre a Universidade de Vigo e a Deputación

Manuel Reigosa, Carmela Silva, Águeda Gómez con representantes da Unidade de Igualdade.
Manuel Reigosa, Carmela Silva, Águeda Gómez con representantes da Unidade de Igualdade.

Universidade de Vigo e Deputación deron onte continuación ao convenio que permitiu a creación da Cátedra Feminismos 4.0 nun acto no que se fixo balance das actividades realizadas neste último curso e se avanzaron as novidades para o 2021-22. Entre estas, destaca o Observatorio de Machismo Dixital “Stop Machitroles” e a creación dun laboratorio de ideas.

Co obxectivo de que as vítimas de ataques machistas na rede teñan unha plataforma na que denunciar de forma anónima agresións, acosos, vexacións, ataques á dignidade das mulleres e calquera tipo de comportamento misóxino e machista ou sexista, nace o observatorio “Stop Machitroles”, que se encargará de elaborar un informe anual que amosará cal é a frecuencia, intensidade ou tipoloxía das formas na que se presenta a violencia contra as mulleres, machismo e misoxinia na contorna dixital grazas ás aportacións das denunciantes. Dito informe aportará, en palabras da presidenta Carmela Silva, “unha mirada analítica e científica sobre o que acontece para así ter unha ferramenta para parar o machismo e empoderar a sociedade”.

Pola súa banda, o Laboratorio de ideas crearase no marco do Comité de Sabias da Cátedra e ao seu abeiro, as especialistas que integran o comité desenvolverán propostas, a través dunha perspectiva de xénero e outras actividades para propiciar espazos de reflexión común que converxan nun produto científico, coa finalidade de convidar á reflexión á sociedade sobre o retos que cómpre enfrontar para eliminar barreiras e resistencias sociais.

En canto ao resto das accións enmarcadas dentro da cátedra, a presidenta Carmela Silva e o reitor Manuel Reigosa anunciaron a continuidade dos proxectos levados a cabo durante o curso 2020-21, como as axudas á investigación.

“A mensaxe da igualdade debe ser compartida por todos”

A presidenta da Deputación Carmela Silva e o reitor da Universidade de Vigo Manuel Reigosa fixeron balance da que foi a segunda edición desta Cátedra de Feminismos 4.0 no acto celebrado onte na sede do organismo provincial. Reigosa salientou que “se non existise habería que facela” aludindo ao éxito e lembrou que o machismo segue moi presente na sociedade. “Debemos ser moi coidadosos coa mocidade para que a mensaxe da igualdade sexa compartida por todos”, sinalou ao indicar que esta cátedra debe seguir manténdose na institución viguesa.

Pola súa parte, Silva expresou a súa gratitude cara á unidade de igualdade da UVigo, cuxa directora, Águeda Gómez, xoga un papel crucial na Cátedra Feminismos 4.0, que a presidenta provincial cualificou de “extraordinaria idea” que permite aglutinar múltiples iniciativas sobre feminismo na era dixital. “Faltaba unha cátedra que adicar a analizar en toda a súa extensión o mundo dixital e como afecta ás mulleres”, subliñou.

As accións que se realizarán ao abeiro desta, ademais do observatorio “Stop Machitroles” e o laboratorio de ideas, son: a terceira edición das axudas de investigación, con 30.000 euros de orzamento (a metade da aportación da Deputación); a segunda edición dos premios “Girl Geek Covid”, que naceron o pasado ano a causa da pandemia; o terceiro taller “Sociedade dixital e xénero: Hackeando o machismo”, que contará cunha actividade centrada na Wikipedia con perspectiva de xénero; o mantemento da web da cátedra e a extensión da estratexia comunicativa e o aumento da presencia do “Comité de sabias”, fundado durante o pasado ano.

Contenido patrocinado

stats