Resumen del 2025
Vivienda, el problema número 1
Para o Miguel Fernández-Cid, director do Museo de Arte Contemporánea de Vigo, “ningunha exposición queda completa sen a publicación do seu catálogo”. Compartindo esta filosofía, o Legado Activo Beiras Cal (LABC) tamén editou o que corresponde a “Vigo-Muras. Serigrafía galega 1971”, que se mostra ata o 19 de outubro da aldea de Aguias, no concello de Muras.
A montaxe distribúe pola casa familiar de Antía Cal as láminas de dezanove autores galegos nas primeiras serigrafías de arte galega, realizadas polos irmáns Álvarez Blázquez baixo o selo SEGA (Serigrafía Gallega), mentres o catálogo analiza a súa importancia dende o punto de vista profesional, cun escrito de Manuel Bragado; dende o artístico, en palabras da conservadora Carmela Montero García e a licenciada en Belas Artes, Isabel Somoza, e dende a postura da familia, por Hixinio Utreya Beiras Cal, fillo de Antón Beiras e Antía Cal.
“O labor editorial de don Xosé María en Castrelos foi o dun xigante do que os editores galegos de hoxe nos sentimos tan abraiados como humildes herdeiros”, afirma no seu texto Bragado, que amais de escritor e pedagogo, dirixíu durante máis de 20 anos Edicións Xerais. Sinala que Álvarez Blázquez foi pioneiro en criterios de edición, organizando por coleccións, renovando o deseño das obras, creando o concepto de libro peto, respectando o dereito de autor e ampliando a distribución comercial: “Puxo os alicerces para o agromar da edición galega contemporánea”.
Comisariada polo LABC, a exposición da que se fai eco o catálogo consta de dúas partes. Unha, no antigo mesón situado no primeiro andar da casa familiar, onde se expoñen exemplares dos principais títulos publicados en edicións Monterrey e Castrelos, tamén dos irmáns Álvarez Blázquez, entre os que se inclúe a colección “O Moucho”.
E outra, a principal, coas serigrafías de Seoane, Laxeiro, Virxilio, Mercedes Ruibal, Pérez Bellas, Díaz Pardo, Xaime Quessada, Antonio Quesada, Ventura Cores, Xulio Maside, Luis de Dios, Vidal Souto, Sesto Novas, Sevillano, Prego, Bofill, María Victoria de la Fuente y Rafael Alonso, na cocheira e antiga posta de correos, xunto unha lámina en grandes dimensións de María Antonio Dans que luce no canastro recén restaurado. Sobre esta escolma, Carmela Montero destaca que con ela “a experiencia de SEGA trata de fomentar un coleccionismo incipiente entre a cidadanía galega. A día de hoxe podemos atopar estampas desta promoción de arte en despachos de avogados, notarios, médicos e outros que mostraron no seu momento sensibilidade pola arte galega”. Para Isabel Somoza, Álvarez Blázquez primeiro e despois o LABC, “ten a responsabilidade de saber transmitir un xeito de facer tradicional sen perder a perspectiva dun futuro no que integrarse”.
A intervención de Hixinio Ultreya Beiras Cal vén a establecer o vencello que une Vigo con Muras, amais dos homenaxeados na propia exposición e a orixe de Antía Cal, fundadora do colexio vigués Rosalía de Castro. “É posible preguntarse que pode aprender a cidade de Vigo dunha aldea; quizais unha milenaria cultura rural acostumada ao lento, pero constante traballo no campo. E quizais Vigo pode aportar a Muras o seu dinamismo, a súa ampla variedade de culturas, a axuda das novas tecnoloxías e tamén unha certa solidariedade sen paternalismo”. Beiras Cal lembra no seu escrito como na súa nenez “case todos en Vigo tiñamos unha aldea. Era case un signo de prestixio (…)”. Así, comparte esas vivencias que crean unha liña entre a cidade e Muras.
A exposición está aberta de venres a domingo, na casa familiar de Antía Cal, de 10 a 20 horas. É a nova proposta do Legado Activo Beiras Cal, coa que a familia do matrimonio formado polo oftalmólogo Antón Beiras e a pedagoga Antía Cal pretende manter vivo o esforzo a prol da cultura galega iniciada polos patriarcas a traveso do su patrimonio. En 2024 inauguraron o espazo expositivo de Muras con “A malla de Pascual. 1957”, unha mostra de fotografías de Beiras.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Resumen del 2025
Vivienda, el problema número 1
Resumen del 2025
El Cunqueiro, un año de huelgas, obras y nuevos servicios
Resumen del 2025
El AVE a Madrid baja de las 4 horas y se acerca a lo prometido
Resumen del 2025
Crónica negra: tres crímenes sacudieron Vigo y su área