“Castelao foi o autor galego máis perseguido pola censura”

Xosé Manuel Dasilva, catedrático da UVigo e padroeiro da Penzol, analizou a teima das editoriais de publicar ao autor no franquismo

Xosé Manuel Dasilva, no centro, con Xosé Manuel Soutullo e Manuel Puga, falou onte da censura na obra de Castelao.
Xosé Manuel Dasilva, no centro, con Xosé Manuel Soutullo e Manuel Puga, falou onte da censura na obra de Castelao. | JV Landín

“Non só o ‘Sempre en Galiza’, toda a obra de Castelao tivo moitas dificultades en ser publicada; por distintas razóns e pola súa propia traxectoria era especialmente vixiado polo franquismo. Foi o autor galego máis perseguido pola censura”, afirma Xosé Manuel Dasilva na súa relatorio sobre a censura e a obra do autor de Rianxo dentro da programación no 75 aniversario do falecemento de Castelao e da fundación de Galaxia.

Na súa morte, en 1950, o Ministerio de Información y Turismo deu instrucións á prensa de como se tiña que abordar a nova, só podían destacar a súa vertente artística, preferiblemente a de debuxante fronte a de escritor, e non se debía nomear nin ‘Sempre en Galiza’, nin ‘Albums de guerra’ e tampouco falar da súa actividade política, agás para dicir que se arrepentira do seu posicionamento, algo totalmente falso”. Dasilva sinala que esa circular do réxime tan precisa proba o control que tiñan sobre o personaxe.

A editorial Galaxia logrou publicar por primeira vez a Castelao en 1953. “Foi unha obra inocua, ‘Os vellos non deben namorarse’, pouco despois viría ‘As Cousas’, o primeiro volume de ‘Cousas da vida’ en 1960 e o resto, en 1971; cando chegou ao tomo VI comezou a espertar suspicacias e oito relatos foron censurados”.

En 1964 adícaselle o Día das Letras galegas e Galaxia tenta amosar unha mostra representativa de toda a súa obra, pero novamente impídese e sae ‘A escolma posible’. “Sobre Castelao o franquismo tiña posta unha ollada cunha óptica moi precisa, o exemplo foi a edición ‘Nós’ en tódalas linguas do Estado, onde o censor especifica que se confirmou que a versión en éuscaro era igual que o resto, e que non metían nada ilícito”.

Preguntado por Atlántico sobre o coñecemento da mocidade destas circunstancias apunta que a nova xeración non é moi consciente do que era vivir con esas limitacións. “A acción dos censores supuña un grande impedimento naquel tempo, que resulta difícil de entender en tempo de liberdade, pero que é unha ameaza, xa que co avance nas forzas extremistas existe o perigo real de que a censura se reviva, xa que é unha arma política fundamental tanto para as forzas reaccionarias como para as revolucionarias”.

Así explica que a censura non rematou coa morte de Franco en 1975, prolongouse ata finais da década, “funcionaba de xeito mecánico e seguía actuando”.

Operación frustrada de 3 millóns dende Librouro

Castelao era un personaxe moi coñecido e aínda que o réxime tentou que se lle esquecera, non foi así, optaron entón por difundir unha imaxe tendenciosa, centrada na faceta de humorista. A súa obra e concretamente ‘Sempre en Galiza’ circulaba masivamente de xeito clandestino editada en Arxentina. O catedrático Xosé Manuel Dasilva recordou a tentativa frustrada de publicalo en Galicia.

“En 1975, Ramón Patiño de Librouro, a libraría onde se podían atopar as publicacións clandestinas en Vigo, tentou lograr o permiso para editalo aquí de xeito legal, serían 10.000 exemplares, unha tirada enorme para un libro en galego, o prezo sería de 300 pesetas, o que supuña unha operación de tres millóns de pesetas, pero o franquismo non llo permitíu”.

En 1964 adicáronlle o Día das Letras e Galaxia quixo imprimir unha mostra máis representantiva da súa obra. A censura impedíuno e saíu “A escolma posible”. O ‘Sempre en Galiza’ só se publicou na terra de xeito íntegro en 1977. Un ano antes saíra unha edición censurada.

Contenido patrocinado

stats