“Castelao estaría decepcionado coa Galicia de hoxe”

Henrique Monteagudo analizou a pegada do primeiro presidente do Consello de Galiza, convidado pola Fundación Penzol coa USC

Publicado: 21 feb 2025 - 07:00 Actualizado: 21 feb 2025 - 12:17

Henrique Monteagudo ofreceu onte un faladoiro sobre Castelao na Casa Galega da Cultura.
Henrique Monteagudo ofreceu onte un faladoiro sobre Castelao na Casa Galega da Cultura. | Jorge Santomé

Castelao é a figura máis representativa da Galicia do século XX, como o é Rosalía no XIX”. Así define Henrique Monteagudo a quen se lle outorgou o rol histórico de pai da autonomía galega “nun momento de estrema dificultade”, puntualiza. Director de “Grial”, vicepresidente da Real Academia Galega, Monteagudo (Esteiro, Muros, 1959) é catedrático de Filoloxía, director da Cátedra Castelao na USC e coordinador dos oito volúmenes de “Obras de Castelao”, (Galaxia, 2000). Onte analizou a súa pegada na sociedade actual, impartindo en Vigo a charla “Castelao. A forxa dun mito”, convidado pola Fundación Penzol, en colaboración con dita Cátedra Castelao da Universidade de Santiago de Compostela.

Nun exercicio de imaxinación, Monteagudo visualizou para Atlántico como sería a Galicia de Castelao: “Se se tivese aplicado o estatuto de autonomía do 36, sen que acontecese a ditadura franquista e o país se puidese ter desenvolvido polo camiño que tiña previsto, o máis seguro é que Castelao fora o presidente, xa que foi o máis votado, o problema da lingua estaría resolto cun uso normalizado do galego e da nosa cultura; como el dicía, viviríamos ao xeito de Dinamarca”. Porén, e baseándose no seu coñecemento sobre o personaxe, asegura que “Castelao estaría decepcionado coa Galicia de hoxe, ante a falla de dirixentes políticos de altura, con partidos no poder que non rexeron pola terra, xa que miraron cara a Madrid; penso que consideraría a política actual ‘mezquina”.

Con todo, sinala que “a Castelao non lle gustaba que separasen o seu labor político da súa faceta como debuxante, xa que as súas obras eran moi críticas, cunha grande implicación social e moi actuais. Non era un político de tácticas, nin de partido, sabía ver por riba dos acontecementos e nunha situación tan tráxica logrou mirar para o futuro con esperanza”.

O pensamento político de Castelao recóllese no “Sempre en Galiza”, libro que finaliza cunha reflexión sobre a Unión Europea como unha coalición política. “Foi un visionario ao defender que Galicia debía buscar acomodo nunha España federal, con Portugal e dentro de Europa, que debería dar os primeiros pasos cara unha comunidade económica, é certo que non tiña un perfil político táctico, pero si tiña unha visión de longo alcance”. 

O filólogo sinala que aínda que “o seu pensamento era nacionalista, defendía un galeguismo federal no que identidade xurdira da unión con outros pobos, non na separación”. Considera que o seu legado que permanece no século XXI “é a posibilidade de construír un país, democrático, igualitario e aberto ao mundo”.

Aínda que é un dos personaxes máis estudados da historia de Galicia, para Monteagudo sinala que aínda se podería dar máis difusión a través das novas tecnoloxías. Considera que a TVG aínda ten unha débeda coa cobertura de Castelao. “Falta unha difusión masiva da súa figura, máis alá das escolas, ten que chegar ata as novas xeracións para que teñan a súa propia lectura de Castelao que aínda pode interpelar á sociedade actual”.

Como coordinador das obras completas de Castelao, sinala que a nivel escrito o máis importante está publicado, agás algunha carta. A grande eiva atópase na súa produción artística. “Precísase un catálogo completo e razoado na súa obra, en parte agochada en mans privadas”.

Contenido patrocinado

stats