Carmen V. Valiña: “Na novela mesturo a memoria da Illa de San Simón coa das familias”
Escritora, xornalista e doutora en Historia Contemporánea, publica “Illa de sangue”
Carmen V. Valiña é xornalista de formación e doutora en historia contemporánea. Vén de publicar “Illa de sangue” con Galaxia, unha novela na que percorre a memoria da illa de San Simón a través das mulleres.
A novela percorre a memoria de San Simón, que papel cumplen as mulleres?
Illa de Sangue é unha novela que se centra en San Simón como foco xeográfico, pero tamén como foco de memoria. A través da illa, do que sucede inicialmente a personaxe protagonista, que é Helena, imos descubrindo as historias da súa familia e vendo tamén como o que herdamos, sobre todo das mulleres que nos precederon, nos inflúe en como hoxe somos nós mesmas.
Por que decides contar esta historia das mulleres en San Simón?
Fixen unha residencia literaria na illa, e a partir de aí tiven a posibilidade de percorrela pausadamente. Interesoume moito a súa historia, que xa coñecía, pero puiden afondar moitísimo máis eses días. Iso, combinado co meu interese investigador e máis académico pola memoria das mulleres, levoume a trazar esta historia que mestura eses dous elementos. Así, na novela mesturo a memoria da illa de San Simón coa das familias.
Como foi a experiencia da residencia literaria?
Foi unha experiencia moi enriquecedora, en primeiro lugar, porque ofrece aos que escribimos a posibilidade de ter o tempo xusto para iso, para escribir, sen as obrigas e os problemas do cotián. Despois tamén a convivencia co resto dos compañeiros e compañeiras, porque nese caso fomos seis persoas, pois sempre dá outra visión sobre a túa propia escrita. Particularmente, até ese momento, escribira sobre todo, ou publicara temas puramente académicos, e alí entrei no terreo da ficción e foi moi fértil esa posibilidade da residencia.
Para ler o libro, é necesario ter coñecemento da historia da illa?
Non é necesario. Obviamente, hai referencias que unha persoa que coñece a illa vai entender de maneira máis sinxela, pero tamén é unha invitación a achegarnos á San Simón non só no plano puramente paisaxístico e cultural, senón tamén afondando nesa parte menos amable que tamén ten, que foi o campo de concentración, o lugar de represión de moitísimos galegos e galegas. Podes saber algo antes sobre a Illa, pero tamén é unha invitación a unha descuberta e a vela dentro de outros ollos ou dentro doutra mirada.
Que cambia de escribir ensaios académicos a ficción?
Sempre escribín desde nena, pero é certo que facía cousas máis curtas. Esta foi como a primeira experiencia de intentar facer algo un pouco máis longo: unha novela, curta, pero en todo caso unha novela. Foi un reto moi importante porque implica conectar ás persoas e ter en conta o ritmo narrativo. O feito de que despois a novela recibise o Premio Narrativa Breve Repsol foi tamén unha maneira de reforzar e de facerse sentir que o que facemos ten un valor apreciado. Foi un impulso tamén de cara a seguir escribindo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar