Carmen García Mateo presenta o seu proxecto para a UVigo como candidata a reitora

Universidade

A catedrática Carmen García Mateo, que opta a reitora de UVigo por Nós Universidade, aposta por potenciar e dotar de autonomía aos tres campus

Publicado: 09 mar 2026 - 14:02 Actualizado: 09 mar 2026 - 21:04
Carmen García Mateo (centro) na entrada da facultade de Forestais no campus de Pontevedra.
Carmen García Mateo (centro) na entrada da facultade de Forestais no campus de Pontevedra. | I.L.

Carmen García Mateo é unha das candidatas nas eleccións do vindeiro 6 de maio nas que se decidirá quen sucede a Manuel Reigosa na reitoría da Universidade de Vigo. A catedrática presentou este luns no campus de Pontevedra a súa candidatura por Nós Universidade, acompañada polas candidatas a vicerreitoras de campus, Marián Fernández Villarino, polo Campus de Pontevedra, e Montserrat Cruz González, polo de Ourense. A imaxe do encontro quixo simbolizar unha idea central da candidatura: unha universidade construída desde os tres campus, cun liderado compartido e cun proxecto que dote de máis autonomía e peso estratéxico a cada sede.

Nun contexto marcado polas reivindicacións do 8 de marzo, a candidatura quixo tamén proxectar unha aposta singular por un liderado feminino con capacidade institucional real: tres mulleres asumirían a máxima representación da UVigo en Vigo, Pontevedra e Ourense.

As candidatas polos tres campus da UVigo

Montserrat Cruz é profesora da Universidade de Vigo desde 1998 na área de Organización de Empresas. Empezou a docencia en Vigo, nas Facultades de CC Económicas e Empresariais, Ciencias Xurídicas e do Traballo, Ciencias do Mar e Comercio e na Escola de Enxeñería Industrial. Dende 2015, traballa no campus de Ourense, na Facultade de Empresariais e Turismo e na Escola Superior de Enxeñería Informática.

Marián Fernández é profesora da UVigo desde 2003 na área de Educación Física e Deportiva. A súa docencia e investigación céntranse nas Actividades Rítmico Expresivas focalizando a atención en dous retos: a contribución á Alfabetización Física e á investigación con perspectiva de xénero nos deportes artísticos.

A candidata a reitora destacou a importancia de reforzar a cohesión da institución e de garantir a autonomía e capacidade de decisión de cada campus dentro dun proxecto común para toda a Universidade de Vigo: “Cremos nunha UVigo que medre desde a proximidade, onde cada campus teña a capacidade de decidir o seu propio futuro e potenciar a súa identidade propia”.

Carmen García Mateo é catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo e investigadora no ámbito das tecnoloxías da fala e da intelixencia artificial aplicada á saúde, cunha longa traxectoria académica e institucional dentro da universidade.

Durante a presentación anunciouse tamén a posta en marcha do ciclo de conferencias “A universidade que queremos”, unha iniciativa aberta á comunidade universitaria para debater cuestións estratéxicas sobre o futuro da UVigo. O ciclo combinará relatorios breves cunha quenda final de conversatorio coa comunidade universitaria. Segundo explica García Mateo, “é momento de falar do que importa e facelo con rigor, escoita e vontade de construír solucións compartidas”.

O ciclo celebrarase os mércores 11, 18 e 25 de marzo na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do campus de Vigo, ás 13:00h, con asistencia presencial e seguimento remoto desde os distintos campus da Universidade de Vigo a través do Campus Remoto.

Campus de Pontevedra

Marián Fernández Villarino defendeu que o proxecto inclúe “darlle ao campus de Pontevedra o lugar que nunca debeu deixar de ter. Porque somos unha universidade, non un campus e dúas periferias. Temos que entre todos facer unha única universidade. O Campus de Pontevedra ten moitas posibilidades, recursos e proxección e ten que volver a retomar o espazo que tiña”.

Carmen García engadiu que "é importantísimo para nós acreditarnos como campus de excelencia" e destacou o feito de que Pontevedra conta con titulacións únicas no marco universitario galego e tamén, sen desvelar o programa, que apostará por ter máis prazas residenciais para estudantes.

Contenido patrocinado

stats