Carlos Núñez: "Que Galicia renunciase ao celta sería como Andalucía rexeitando o flamenco"

Carlos Núñez, gaiteiro e intérprete de música celta

Publicado: 01 mar 2023 - 01:14 Actualizado: 01 mar 2023 - 12:21

Carlos Núñez, durante un concierto en Vigo.
Carlos Núñez, durante un concierto en Vigo.

Carlos Núñez (Vigo, 1971) abre mañá, ás 19:30 horas, en Artes e Oficios, o Forum do Instituto de Estudios Vigueses coa conferencia “A música celta. Historia e marca creadora da riqueza cultural”. Inmerso na preparación de distintos concertos internacionais, especialmente o 29 de marzo, no histórico teatro Colón de Bos Aires e 27 de xuño na Catedral de Saint Dennis, en París, co repertorio Beethoven Celtique, falou onte para os lectores de Atlántico sobre a súa vindeira charla na cidade.

É un dos defensores históricos da marca celta.

Eu creo nesta marca e sempre que me chamen vou estar apoiándoa. Preséntoa non só no ámbito musical, senon como posible fonte de riqueza, en torno ao que crear sinerxias.

Ata onde chega a marca celta?

É tan importante que está presente entre os grandes das artes plásticas, da literatura ou incluso no himno galego, inspirado nos vínculos con Irlanda. É certo que a nivel internacional, o que máis vende Galicia é o Camiño de Santiago, que xa está bastante explotado e a conexión atlántica, que aínda non está o suficientemente posta en valor.

Por que hai uns anos rexeitábase todo vencello celta con Galicia?

Houbo xente que o viu máis como un problema arqueolóxico que como unha oportunidade, unha gran sorte. Se Galicia renunciase ao celta sería como que Andalucía rexeitase o flamenco. O primeiro blogueiro galego, Manuel Gago, apuntou que desaproveitar esta marca é comportarse como novos ricos, tirando o máis internacional que temos. Este ano, co centenario do Real Club Celta e o pasamento de Murguía tería sido unha gran oportunidade para sacar peito con todo esto, pero non parece que vai pasar. Moitas marcas levan o nome ‘celta’ pero quedou unha etiqueta baleira de significado.

Non se quere dabondo o propio?

Pois aprendamos dos ingleses, que son os grandes vendedores do seu. Se non reivindicamos o Atlántico, entón serán os bretóns e os ingleses quen o fagan.

E dende a música celta pódese evoluir a outros estilos?

No caso concreto da música celta galega quedou un pouco estancada nos 90. En Vigo perdemos o primeiro festival de música celta da península, que se celebrou en agosto de 1964, tralo de Bos Aires. Mentres na Bretaña atraeron a un millón de persoas co de Lorient. Temos que lograr volver a reunir tódalas artes e facer como os grandes que se inspiraron no mundo celta. De aí xurdiu unha enerxía tan importante que chegou ata o día de hoxe. É un valor tan marabilloso que a xente tería que o coñecer.

Contenido patrocinado

stats