Cancións galegas cautivan a Suecia da man do vigués Gabriel Lezcano

O fillo dun dos primeiros xogadores estranxeiros do Real Club Celta, vive en Estocolmo dende hai cinco anos onde desenvolve varios proxectos musicais

Publicado: 22 ene 2023 - 03:15 Actualizado: 22 ene 2023 - 12:18

Gabriel Lezcano, no piano, ao frente do coro da asociación cultural que preside en Estocolmo, que é unha das tres agrupacións vocais que dirixe.
Gabriel Lezcano, no piano, ao frente do coro da asociación cultural que preside en Estocolmo, que é unha das tres agrupacións vocais que dirixe.

A música é a ferramenta coa que Gabriel Lezcano Míguez (Vigo, 1978) está a conquistar Suecia. Compositor e director de coro está a cautivar ao público nórdico con cancións en galego. “Para min é un orgullo traer aquí o meu idioma, penso que é a primeira vez que se escoita neste país e gústalles moito, están afeitos a escoitar distintas linguas, ata algúns compositores populares chegan a ter unha sonoridade que lembra á melancolía galega, encántalles, aínda que tamén hai que lle meter algunha canción movida para que se acostumen”.

Chegou hai cinco anos, cando a súa muller, Pauline, lle xurdíu unha oportunidade laboral. “Ela é sueca, de pais chilenos; coñecémonos en Barcelona compartindo piso de estudantes, fartámonos do ruido e do ritmo da cidade e decidimos probar sorte”. Viven en Estocolmo coas dúas fillas, Iria, de 2 anos e Mioara, de 7 anos, fan declarada das Tanxugueiras. O vigués, que o primeiro que fixo foi aprender o idioma, atópase totalmente integrado na súa nova terra. É membro fundador e actual presidente da asociación cultural ‘Kultur pá sapnska kören’, onde dirixe o seu coro, con 26 voces, no que o 95% dos integrantes é amateur. “Aquí hai unha cultura coral moi bestia, nesta agrupación ofrecemos un repertorio en galego, castelán e tamén cantamos un tema en euskera, a próxima incorporación será en catalán, tentamos cubrir un baleiro que hai da cultura española frente a outras nacionalidades latinas”. Amais de cantar temas populares, o coro presentou composicións de Lezcano en recitais como o concerto de Nadal, organizado pola Comisión Europea, en representación de España. Nesa ocasión, o tema elixido foi a musicalización de versos de Concha Méndez, unha poeta da Xeración do 27, movemento no que o compositor centra un dos seus proxectos.

A segunda aposta polo galego chega co dúo Galiciskt och Tango co acordenista de orixe arxentina, Alan Haksten, onde mestura repertorio de tango con cantigas tradicionais como “Lela”, “Negra sombra” ou “Negro caravel” e con temas propios.

O vigués tamén é o responsable de estrear en latitudes escandinavas composicións dos galegos Marcial Adalid ou de Fernández Vide coa proposta de música de cámara GiArt dúo e o programa “Iberisk Musik”, no que toca con Ingrid Sotolarova, a súa primeira profesora de música no Conservatorio vigués de Coppelia.

Neste ambiente encaixou a celebración do Día das Letras Galegas en plena capital sueca. O último 17 de maio, Lezcano interpretou temas de Rosalía e “María Soliña” na presentación no Instituto Cervantes do libro “Cara ao norte”, escrito en galego, polo tamén residente en Suecia, Xesús Abalo: “Foi unha tarde fermosa para a nosa cultura”. Hai unha pequena comunidade galega que será testemuña en maio da nova aventura do compositor, a presentación dun repertorio de autoría propia, a maioría en galego.

Con todo, Gabriel Lezcano aínda é pioneiro nun aspecto máis: a representación da primeira zarzuela, “Ensayo General”, en territorio sueco, que dirixíu e escribíu.

“Foi complicado chegar aquí de adulto; aínda que os proxectos son apaixoantes, a morriña sempre está aí, estou seguro que aquí non vou morrer”, afirma.

Con espíritu celeste por tradición familiar

“Por sorte o por desgraza son moi celtista, recoñezo ser futbolero, aínda que ás veces consigo desengancharme”. De pequeno xogou nas categorías xuvenís do Real Club Celta, “ía para futbolista pero quedei en músico, naquela non se apoiaba tanto a canteira, non me lembro de nengún compañeiro que teña continuado a profesional”. O amor polo Celta trasmitíullo o pai, Gabriel Lezcano, que chegou a Vigo aos 18 anos directamento do rural de Paraguai. “Algún día escribiréi a súa historia, tivo unha vida apaixoante, tiña dúas opción: o fútbol ou o campo; participou nun torneo en Balaídos e só ao acabar lle dixeron que podía quedar; e así foi como se instaló en Vigo nos 60, case sen falar castelán, porque a súa lingua era o guaraní”. A familia trasladou a Mos, onde tamén reside unha das fillas. A nova xeración Lezcano volve emigrar, pero con máis recursos: Formado en Barcelona con músicos como Olivia Biarné ou Vicenç Esteve, e licenciado en Filoloxía completa o seu labor impartindo clases de español.

Contenido patrocinado

stats