Un ‘caldo de gloria’ ante a casa de Rosalía de Castro
O acto de homenaxe á escritora tivo lugar na Rúa Real, onde se editou por primeira vez a súa obra “Cantares Gallegos”
Vigo celebrou onte o Día de Rosalía de Castro cunha ofrenda floral e un ‘caldo de gloria’ na Rúa Real, número 12, on letreiro lembra que nese local da Imprenta Juan Compañel editouse o 17 de maio de 1863 a súa obra “Cantares Gallegos”, unha publicación que marca o inicio do Rexurdimento. Tamén se dí que Rosalía podería ter vivido nesta casa, aínda que as últimas investigacións apuntan a que realmente podería ter sido noutro local situado nesta mesma rúa. O acto foi organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Asociación Cultural O Castro e contou coa presenza do portavoz do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Despois da ofrenda floral, tivo lugar no local da asociación cultural A Revolta, a lectura do manifesto, elaborado este ano pola escritora Marga do Val, centrado na defensa do uso da lingua galega. Finalmente, realizouse unha lectura pública da obra de Rosalía e a degustación do caldo de gloria, que a poeta fixo famoso nos seus versos en “Follas Novas”. Tamén se celebrou un acto reivindicativo en Teis por unha biblioteca pública aproveitando a efeméride.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último